Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG: «Comprometémonos con cousas que sabemos que podemos facer»

Serxio Barral Álvarez
Serxio Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á alcaldía de Pontevedra, no Campillo de Santa María
Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á alcaldía de Pontevedra, no Campillo de Santa María CAPOTILLO

«Estamos vendo moita demagoxia», afirma o aspirante a seguir gobernando Pontevedra 

26 may 2023 . Actualizado a las 05:05 h.

O médico do BNG que no ano 1999 puxo aos pontevedreses a camiñar quere acadar o seu sétimo mandato como alcalde. De conseguilo pode chegar a sumar 28 anos co bastón de mando, algo inédito en democracia non soamente en Pontevedra senón en todas as cidades galegas. Miguel Anxo Fernández Lores transformou a cidade pero insiste, como leva facendo en cada campaña, en que aínda queda moito por facer. Nesta ocasión véselle de verdade preocupado polo risco dunha volta atrás no modelo urbano se non goberna o BNG. Tanto, que dedica máis tempo a falar dos seus opoñentes que dos seus proxectos. A aqueles que pensan que 24 anos como alcalde xa son moitos respóndelles con que as forzas as saca da súa «paixón por Pontevedra».

—Parécelle que esta campaña e cada vez máis un «todos contra Lores»?

—Ao logo da campaña se foi captando máis esa idea, si. Sabíamos que había uns que estaban contra Lores e contra o modelo e xa no facía falta dicilo. Pero tamén o PSOE subiuse a ese carro. Copioulle o discurso ao PP. Non digo as ideas, digo o discurso en moitos aspectos. Desde a realidade económica ata o modelo de mobilidade e tamén cando falan de Ence. Nesta campaña van da man PP e PSOE.

—Preocúpalle?

—Preocúpame o descoñecemento. Penso que descoñecen moitas cousas desta cidade. Ese todos contra Lores significa que hai dúas alternativas: a volta atrás, de forma máis ou menos sibilina pero volta atrás; e outra que é apostar por un modelo que é referencia internacional e que aínda ten moitísimo percorrido, cousa que non entenden.

—Non pensa que cabe unha evolución dese modelo?

—Eles din que até aquí chegamos e xa. Iso non é verdade. Sobre todo hai un problema de fondo que é que non lle queren a esta cidade, nin teñen confianza nesta cidade, nin nos pontevedreses, nin nos galegos. Para eles todo o que ven de fóra é mellor. Cando todas as cidades, ou moitas cidades, teñen como referencia a Pontevedra, eles están mirando que se fai fóra. Agora falan de Valladolid, que entrou en Cidades que Camiñan hai pouco, e escoitei a alguén que si Lisboa ou Porto... ¿pero de qué falan? Si Lisboa perdeu 300.000 habitantes en 10 anos, ten un turismo masificado, hai un problema de xentrificación en toda a zona da Baixa… Que temos que aprender de fóra? Claro que hai que mirar o que fan outras cidades pero non para copiar o que aquí non funcionaría.

—Vostede falaba ao arranque da campaña de que o BNG non fai promesas electorais senón que adquire compromisos. O matiz é importante.

—Diferenciámonos de outras forzas políticas en que nós comprometémonos con cousas que sabemos que podemos facer. Proxectos viables, realistas e madurados, moi pensados... cousas que se van facer. Estamos vendo moita demagoxia nos outros. Especialmente no PP pero tamén no PSOE. Nós ao noso. Temos claro que para transformar unha cidade hai que querer facelo e hai que saber facelo. Para querer facelo tés que ter ideas. E para ter ideas primeiro tes que coñecer o teu entorno, estudalo moito. E saber facelo implica coñecer os mecanismos da Administración, falar coa xente. Hai que ter sempre en conta aos cidadáns e alí onde se vai levar adiante un proxecto debatelo, consultalo, falalo cós veciños. Fixémolo en moitos sitios. Agora ben, se estamos falando de proxectos que afectan ao funcionamento de toda a cidade, aí non imos pedirlle permiso a un señor se calmamos o tráfico ou non, ou se sacamos tráfico de paso ou non, ou se temos que cumprir as directivas de baixas emisións.

Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG  á alcaldía de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á alcaldía de Pontevedra CAPOTILLO

—Fala de Raíña Vitoria. Por qué volve a estar o tráfico en primeiro plano dunha campaña? Parecía un debate superado na cidade...

—Deberíamos entender que si, que o debate estaba superado e o modelo asumido. Nós sempre dixemos que cando houbo oposición ao cambio foi maioritariamente política. Esa oposición superouse porque a xente asumiu que o modelo era bo e gústalle vivir en Pontevedra. Se volve o debate é por certos políticos, non polos cidadáns.

—Qué lle ilusiona a este Lores que leva 24 anos na alcaldía?

—A min me ilusiona que esta cidade siga avanzando e que cada vez teñamos un concello cunha calidade de vida mellor. Preocúpame manter a equidade. Fixemos moitas cousas no centro e agora facemos menos, centrámonos noutros puntos do concello. Cando me din que quedan cousas por facer ou que non chegamos a algún sitio... é que non podemos facer todo ao mesmo tempo. Claro que quedan cousas por facer. Pero non prestamos atención soamente ao centro. Quedan rúas no centro histórico sen arranxar ou mesmo non hai luces led que si hai xa Bora ou en Monte Porreiro.

—Que lle di vostede a esa xente que non votará ao BNG porque 24 anos son demasiados?

—Que presentamos un proxecto serio, realizable e pensado para Pontevedra. Que miren o que presentan os outros. O outro día o candidato do PP dicía que a democracia consiste na alternancia. Oiga, ¿que me di? A democracia consiste en que a xente vote e elixa quen quere que goberne. A clave é que a xente poida votar con liberdade. Eu xa dixen algunha vez que a min me parece que todo o mundo pode gobernar, ten todo o dereito a facelo, pero obviamente cando presente un proxecto serio. Un proxecto que signifique avanzar, ou dar pasos adiante. Non toca cambio porque si. Ou o cambio é dar volta atrás?

—De verdade pensa que existe risco de levantar o modelo?

—Vexo unha pinza destrutiva entre PP e PSOE contra o modelo. Unha pinza para subir e facerse un oco mais que nada. Me ateño ao que estamos vendo, Non o digo porque si, senón polo que escoito.

—Pode saír resentida a relación có socio de goberno? Ou o que pasa en campaña queda na campaña?

—Eu non son unha persoa rancorosa. O outro día pensaba nos anos que levo no goberno e na oposición, e mira que na oposición me trataron case a patadas, pois creo que de toda a xente que pasou soamente ai unha ou dúas persoas, que non eran precisamente os alcaldes, coas que non me falo ou non teño unha relación cordial. Casos contadísimos.

— Eu falaba do aspecto político, non persoal. Dunha posible negociación para pactar un novo goberno de coalición despois das eleccións.

—Pois mira, a cousa pinta mal.