O Encontro de Arqueoloxía de Pontevedra terá carácter anual

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

MUSEO DE PONTEVEDRA

A primeira edición centrouse nas arquitecturas efémeras da prehistoria recente

21 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Concluída a primeira edición do Encontro de Arqueoloxía, dende o Museo de Pontevedra confirmaron que esta cita que quere reunir as principais investigacións neste campo nos contextos galego e do noroeste peninsular terá continuidade. Así, precisaron que terá carácter anual.

Nestas primeiras xornadas centradas nas Arquitecturas efémeras da prehistoria recente no Noroeste ibérico presentáronse vinte relatorios, en catro deles abordouse de maneira transversal as investigacións sobre este tipo de construcións efémeras. Así, entre outros poñentes, Joeri Kaal e María Martín puxeron e valor a arqueobotánica para o estudo dos xacementos, toda vez que, en palabras deste último, «a análise dos restos arqueobotánicos achega unha información moi valiosa para comprender os procesos de ocupación e abandono das arquitecturas efémeras».

MUSEO DE PONTEVEDRA

Pola súa banda, Andrés Teira presentou unha lectura crítica das cabanas de planta irregular, propoñendo a tese de que, en moitos casos, se traten do resultado da extracción do tocón e das raíces das árbores. O certo é que esta teoría centrou boa parte dos debates, se ben foi refutada en varias intervencións posteriores.

No que respecta ás restantes dezaseis intervencións, estas expuxeron os traballos en escavacións arqueolóxicas realizadas ao longo de Galicia e Norte de Portugal. Estas intervencións permitiron aos participantes establecer paralelismos, conexións e particularidades, comparando os diferentes achados e as interpretacións resultantes dos equipos de cada investigación.

As xornadas completáronse con catro coloquios nos que se abordaron cuestións como a conveniencia de usar maquinaria pesada nas escavacións ou as limitacións da investigación arqueolóxica cando está ligada a intervencións preventivas.