O PSOE de Pontevedra impulsará unha rede de establecementos que se comprometan a empregar o galego na súa relación co público

La Voz PONTEVEDRA LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Iván Puentes presentou este mércores as propostas do PSOE de Pontevedra para impulsar o galego
Iván Puentes presentou este mércores as propostas do PSOE de Pontevedra para impulsar o galego Ramón Leiro

Iván Puentes propón tamén bolsas de intercambios lingüísticos, cursos gratuítos para preparar os certificados de Lingua Galega ou ludotecas lingüísticas e campamentos de inmersión eco-lingüística

17 may 2023 . Actualizado a las 21:07 h.

O programa electoral elaborado polo PSOE de Pontevedra en materia de promoción, defensa e dinamización da lingua galega contempla a creación dunha Rede de Establecementos Amigos da Lingua que se comprometan a utilizar o galego como primeira opción na súa relación co público. O candidato, Iván Puentes, tamén quere impulsar unha Rede de Guías e Establecementos Turísticos que desenvolverán o seu traballo na nosa lingua como opción preferente cando o público sexa galego; poñer en marcha bolsas de intercambios lingüísticos con centros doutros puntos de Galicia que sexan galegofalantes para promocionar a inmersión lingüística; promover cursos gratuítos preparatorios dos certificados de Lingua Galega, e organizar ludotecas lingüísticas e campamentos de inmersión eco-lingüística.

Os socialistas anunciaron estas e outras iniciativas este mércores co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, na Praza da Ferrería, onde instalaron unha carpa informativa para dar a coñecer o seu programa electoral nesta materia. Tal e como subliñou Iván Puentes, «aínda que houbo moitos avances, Pontevedra segue a ser unha cidade fortemente castelanizada, e por este motivo pretendemos achegar o galego á sociedade con propostas que vencellen a nosa lingua coa cultura, a literatura, a historia, a innovación, as novas tecnoloxías, a modernidade, o feminismo, a ecoloxía e a sostibilidade».

Na súa opinión, «a lingua galega debe ser sinónimo de avance, progreso e futuro para tódolos pontevedreses, mediante medidas dinamizadoras dirixidas a tres sectores fundamentais, que son o social, o empresarial e o educativo».

O impulso de feiras de visibilización e promoción do produto local e a distribución gratuíta de cartelería en galego (carteis de rebaixas, aberto/pechado, indicacións de calquera índole, vocabularios específicos…) tamén figuran no paquete de medidasdo PSOE de Pontevedra.