A cultura toma cinco espazos abertos de Pontevedra con Arte e Parte

PONTEVEDRA CIUDAD

17 abr 2023 . Actualizado a las 09:44 h.

Aproveitando a celebración do Día Mundial da Arte, o Concello de Pontevedra promoveu para este sábado unha xornada bautizada como Arte e Parte como «un xeito diferente de divulgar a importancia da cultura e a dinamización das prazas e das rúas a través da mesma». Así, ata cinco espazos diferentes da cidade do Lérez acollerán concertos e espectáculos: os xardíns de Marescot, o Campiño de Santa María, a Praza de Curros Enríquez e a Praza da Ferraría. De igual xeito, haberá un pasarrúas, a partires das 12 horas, que sairá do Mercado a cargo de Tanto Nos Ten.

Trinta minutos máis tarde e nos xardíns de Marescot poderase gozar con Rogelio, un pallaso en recuperación, mentres que en Santa María actuará Chicharrón e en Curros Enríquez programouse Ruada da Vila. Ás 13 horas, Debajodelapalmera e Boyanka Kostova, ás 14 h., actuarán na praza da Ferrería.

A sesión de tarde terá como punto de inicio, de novo, os xardíns de Marescot coa presenza de Tranvía Leonardo (17 h.), mesma hora á que comezarán as actuacións de Zeltia Irevire no Campiño de Santa María e de C. Mirazo na Ferrería. Ás 18 horas tocaralle a quena de Antía Muíño en Curros Enríquez e ás 20 h. a Lontreira na Ferrería.

Xa coa noite, e dende as 21 horas, Queco Lago estará en Santa María e Helena Egea na praza de Curros Enríquez, todo un anticipo do prato forte desta primeira edición de Arte e Parte, o concerto que ofrecerá Familia Caamagno na Ferrería dende as 22 horas. Por tanto, un sábado para gozar do «folk, pop, rock, música urbana... Diversos xéneros musicais terán o seu oco ao longo da xornada que reúne nomes xa consagrados no panorama musical galego, como Familia Caamagno, que conta con talento musical local, como o caso de Queco Lago ou Debajodelapalmera; e que fan pensar nunha xornada aberta a todo o mundo, con varios escenarios e cunha característica común: Todas as propostas artísticas que participarán son galegas», destacaron dende o Concello de Pontevedra.