Pontevedra xa traballa na segunda edición das xornadas BDra Gráfica

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Martina Miser

Anuncian a publicación por primeira vez en galego de «Cando sopra o vento»

20 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira edición de BDra Gráfica superou todas as expectativas ata o punto de que o Concello de Pontevedra xa está traballando no que serán as segundas xornadas. Así o confirmaron fontes municipais que cualificaron de «éxito rotundo» un evento no que, en palabras da concelleira Carme Fouces, «era obrigado aproveitar toda a potencialidade de Pontevedra na banda deseñada».

A edil de Cultura non deixou pasar a ocasión de resaltar a labor que realiza a escola O Garaxe Hermético, polo que considerou que era preciso «ir da man destes artistas». Fouces, de igual modo, resaltou a difusión e a expectativa que levantaron todas as actividades que se desenvolveron en torno a este salón, polo que defendeu a necesidade de sacar adiante estas xornadas para «colocar a banda deseñada no escalafón cultural que merece».

Martina Miser

«Foi moi complicado que sairan tan ben», recoñeceu Kiko da Silva, coordinador de BDra Gráfica e director de O Garaxe Hermético, en relación cunhas xornadas que «foron crecendo máis do que inicialmente tíñamos planificado». Confesou que un dos aspectos que máis lle impresionou foi a resposta que houbo ás xornadas profesionais, así como asegurou estar «tremendamente sorprendido por como quedou e pola resposta da xente».

E como colofón destas primeiras xornadas, Da Silva, xa na súa faceta de editor de Retranca Editora, anunciou a publicación por primeira vez en galego no vindeiro maio dun clásico do cómic británico que leva máis de corenta anos descatalogado en España: Cando sopra o vento, do autor inglés Raymond Briggs, recentemente falecido. Esta banda deseñada «conta a historia de James e Hilda, unha parella de xubilados, que viven tranquilamente na súa pequena casiña da campiña inglesa, entretidos nos seus pouco estresantes quefaceres. De súpeto, a radio anuncia o inicio das hostilidades e ambos, con experiencia nos bombardeos da II Guerra Mundial, afánanse en prepararse un refuxio doméstico contra as bombas. A deflagración non se fai esperar e o matrimonio pon en práctica os consellos dos folletos gobernamentais coa esperanza de sobrevivir».

Martina Miser

E «cando finalmente a terrible bomba explota os doces anciáns descubrirán os terribles efectos da guerra nuclear e o horror da radiación no ser humano».

Trátase, en opinión de Kiko da Silva, «dunha historia devastadora creada en banda deseñada por Raymond Briggs en 1982 e adaptada ao cinema en 1986 que, tras anos do desastre de Chernóbil ou Fukushima, volve a estar desgraciadamente moi de actualidade. Unha banda deseñada imprescindible para concienciar ós máis novos dos perigos da guerra nuclear».

Cunha banda sonora na que aparecen os nomes de Roger Waters e David Bowie, que interpretaron a canción dos créditos, Genesis, Squeeze e Paul Hardcastle, a película está tamén considerada como un clásico da animación para adultos.