Dani Froiz, produtor de «Matria»: «Era hora de facer unha película dunha muller galega que está ata a cona»

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

O produtor pontevedrés Dani Froiz, primeiro pola dereita, coa equipo de «Matria» na preestrea da película en Vilanova.
O produtor pontevedrés Dani Froiz, primeiro pola dereita, coa equipo de «Matria» na preestrea da película en Vilanova. Martina Miser

A empresa deste pontevedrés é a principal produtora dun filme que se estrea o venres nos cines e que el pensa que «racha con esa falsidade do matriarcado galego»

21 mar 2023 . Actualizado a las 11:26 h.

Dende Xonxa, na imprescindible película que leva o seu nome e que firmou Chano Piñeiro, ata a oscarizada Mar adentro son moitas as películas en galego e castelán nas que as mulleres galegas teñen un papel protagonista ou fundamental para a trama. Sen embargo, hai quen pensa que o cinema, o galego e o nacional, segue orfo de mulleres bravas do país; das que non calan, das que dixiren a berros realidades durísimas no marisqueo, na conserva, na gandería, na limpeza de pisos, no coidado dos nenos e dos maiores e, por suposto, ao cruzar as portas das súas casas... Díxoo a propia Ramona Maneiro, a muller que axudou a morrer ao tetrapléxico Ramón Sampedro, cando se viu na pantalla en Mar Adentro interpretada por Lola Dueñas. Non se recoñeceu demasiado nela porque, como sinalou moitas veces, ela non ten un pelo dese carácter de miña xoia co que apareceu no cinema. Dani Froiz, productor da película Matria, que está revolucionando o panorama audiovisual galego, pensa que, efectivamente, o cine edulcorou moitas veces ás mulleres galegas. E que, precisamente por iso, Matria, que triunfou na Berlinale e tamén no Festival de Málaga contando a historia de Ramona, unha limpadora de Vilanova de Arousa cunha realidade laboral e persoal durísima, aporta algo novo: «Era hora de facer unha película dunha muller galega que está ata a cona, que é unha pringada. Eu iso nunca o vira así, con tanta dureza e realidade, no cinema», sinala. 

Froiz, que recoñece que tanto el como todo o equipo de Matria están vivindo un momento marabillosamente frenético, di que a película presenta a unha muller que todos os galegos recoñeceremos, pero que estamos pouco acostumados a ver en pantalla. E así o explica: «Penso que racha un pouco con esa falsidade de que Galicia é un matriarcado no que as mulleres mandan e ordenan, onte teñen poder... cando a realidade é que hai moitas mulleres que viven realidades durísimas, tanto antes como agora, e que son literalmente unhas pringadas. Non sei se ese é o adxectivo máis axeitado, pero eu véxoas así. Pringan absolutamente con todo. E podemos pensar que iso pasa con mulleres de fora de Galicia tamén, o cal é certo. Pero é que aquí moitas veces a dureza física dos traballos é enorme. E penso nas mariscadoras ou nas labrega ou nas operarias de fábricas». 

O produtor da película, que se emociona ao pensar que este venres 24 o filme se poderá ver en todos os cinemas galegos, cre ademais que o director logrou facer un filme sen caer en tópicos e sen xulgar aos personaxes: «Non se cae nalgúns tópicos que ás veces si aparecen no cinema. Ramona é unha muller que ten un contexto e unha realidade durísima e non se fai ningún intento de dulcificala. Incluso no seu papel como nai ten ese punto duro, froito do que ela vive, e tamén esa vulnerabilidade que eu tantas veces lle vin a miña nai ou a miña avoa. E tampouco se xulga. Aparece un home alcohólico, algo tan habitual en Galicia, e poderíase facer sangue co seu papel, pero non se fai». 

Matria, que se estreou na Berlinale, pasará agora a proba de lume nos cines. O galego no que foi rodada soará en todos os sitios onde se proxecte, con ou sen subtítulos. Conta Dani Froiz que a aposta pola lingua galega foi total e que ademais é outra das riquezas da película: «María Vázquez, que fai un papelón, é de Vigo e está ligada a Lugo. Non ten ese galego da costa que fala na película. Sen embargo, logrou collelo perfectamente e sen que pareza unha esaxeración», indica el. Conta tamén que cando estrearon na Berlinale moitos dos asistentes ao festival lles preguntaron se a película non esaxeraba a dureza da vida dunha muller galega. E que a súa resposta foi clara: «Sinalámoslles que moitas veces a realidade aínda é peor». 

Daniel Froiz creou a produtora Matriuska hai case dúas décadas. Dende entón sacou adiante arredor de quince longametraxes, entre elas De bares ou Las altas presiones. É a principal produtora de Matria, unha película na que colabora con Avalon P.C, Elastica Films, Ringo Media e Felicidad La Película, AIE. O filme, rodado no sur da ría de Arousa e tamén en Pontevedra, contou cun orzamento próximo ao 1,1 millóns de euros