
O Consello da Cultura edita «De historia natural y de todo género de erudición»
08 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.«A extensión extraordinaria da obra é disuasoria. É traballar sobre unha obra que xa se anuncia con 660 pliegos, que son máis de catro mil páxinas. Deixouna manuscrita, pero non a preparou para a imprenta e, aínda que non é exactamente un borrador, tampouco é un texto organizado, corrixido, polo que presenta problemas de edición bastante considerables». Henrique Monteagudo explicou o máis complicado de publicar a edición completa da obra De historia natural y de todo género de erudición. Obra de 660 pliegos, a obra cimeira de Martín Sarmiento, cuxos cinco volumes foron presentados onte no Museo de Pontevedra.
Foi un proceso que se estendeu ao longo dos últimos vinte anos, xa que naceu no 2002 baixo a coordinación de Henrique Monteagudo, coa participación dun equipo de investigación interdisciplinario. Seis anos despois publicáronse os volumes II, III e IV, mentres que o I e o V saíron adiante no 2022, ano do 250.º aniversario do pasamento de Sarmiento.
O certo é que o orixinal perdeuse, aínda que se conserva unha copia elaborada por Pedro Alonso de Salanova y Guilarte, que traballou directamente sobre o autógrafo con Sarmiento aínda vivo. De feito, os expertos sospeitan que o título final foi obra do copista.
Esta copia ocupa cinco tomos, numerados do XIII ao XVII, e forma parte da compilación máis ampla e de mellor calidade dos escritos de Martín Sarmiento, coñecida como Colección Medina Sidonia. Esta constaba inicialmente de 17 tomos, aos que postumamente se engadiron algúns materiais que conformaron un ou dous máis. Os catro primeiros tomos (nomeados XIII, XIV, XV e XVI) custódianse na súa localización orixinal, o arquivo da Fundación Casa Medina Sidonia, en Sanlúcar de Barrameda (Cádiz), mentres que o último se garda no Museo de Pontevedra, o que explica a elección deste espazo para presentar a edición coa que o Consello da Cultura Galega completa a publicación desta magna obra.
«É unha especie de compendio dunha parte do traballo intelectual del, que foi moi polifacético. Foi unha obra moi citada, pero estaba inédita. Había algunha parte publicada, pequeniños fragmentos. Danos acceso a esta especie de enciclopedia sarmentiana na que el toca algúns dos temas que máis o obsesionaron, como por exemplo a educación, a lingua, a literatura, pero tamén outros moi interesantes, como as súas propostas para a mellora da economía e da sociedade galegas», apuntou Henrique Monteagudo, quen estivo acompañado por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra, e a investigadora María Álvarez Lires.