Ence, a urxencia de conciliar o emprego coa protección da ría

Valentín González Formoso
Valentín González Formoso SECRETARIO XERAL DO PSDEG-PSOE

PONTEVEDRA CIUDAD

Gustavo de la Paz | EUROPAPRESS

14 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

É unha realidade, Ence pode permanecer en Lourizán ata o ano 2073 porque así o recolle unha sentenza do Tribunal Supremo. Que toca agora? Pois mirar cara ao futuro. Acatar a resolución xudicial, aínda que os socialistas non renunciamos a que se poida chegar a un acordo coa empresa para un novo emprazamento. Dende o PSdeG sempre defendemos que Ence tiña que estar en Pontevedra, pero fóra da ría, pois era a única opción que nos permitía conciliar a necesidade de manter os postos de traballo asociados ao grupo industrial coa obriga que temos de protexer un ecosistema litoral moi fráxil. Mantemos a nosa posición por coherencia política. É máis, o traslado da factoría foi unha idea compartida por todas as forzas políticas, e foi o Partido Popular, con Feijoo á fronte, o que mudou de postura. Eles saberán por que motivo. Pero á marxe das aspiracións que poidamos ter cada quen, o certo é que hai un fallo xudicial que lle permite á empresa seguir en Lourizán, e só cabe acatar a sentenza, como fixemos anteriormente coa resolución da Audiencia Nacional que anulaba a prórroga de Ence. Niso consiste a democracia tamén, en respectar as regras e as resolucións xudiciais.

Toca agora cambiar de pantalla e velar para que a planta pasteira se modernice e sexa un centro industrial de referencia. A Ence tócalle compartir coa cidade de Pontevedra, e coa sociedade galega, parte do seu beneficio, acometendo un plan de investimento nun centro fabril que está caendo na obsolescencia. Temos que esixirlle á compañía que aposte pola innovación, que se dote das máis modernas tecnoloxías, porque iso significa tamén investir na seguridade dos seus traballadores. Que minore todo o posible o seu impacto ambiental e contribúa ao coidado dun entorno tan sensible como é o da ría de Pontevedra.

A planta de Ence non pode ser un obstáculo para que a xente de Pontevedra recupere a súa relación directa coa ría. A posibilidade de desenvolver actividades marisqueiras en determinados espazos, ou de usar outros para o baño e lecer, non poden quedarse en imaxes en branco e negro, senón que é algo que debe formar parte do noso futuro.

Pontevedra ten que redobrar a súa aposta pola economía sostible, pola creación de emprego e polo coidado dun entorno ambiental único. E iso non é un tarefa que só lle competa a Ence.Tamén os poderes públicos, nomeadamente a Xunta, teñen que desenvolver un ambicioso programa de rexeneración e saneamento da ría. E xa non caben máis demoras nin máis escusas.