Gustavo Almeida, músico: «O Teatro Principal de Pontevedra é como a maternidade dos meus discos»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

LÓPEZ PENIDE

O músico brasileiro presentará o venres o seu primeiro traballo en galego, «Vértice»

01 feb 2023 . Actualizado a las 12:05 h.

«Era unha idea que tiña dende hai tempo. Levaban tempo tirándome da orella porque son brasileiro e cantaba tamén en castelán. Iso ao principio fíxome pupa e adoptei a pataleta de, ‘se me obrigas, non o fago. Deixa que o corazón lata'. Fun absorbendo a cultura de Galicia, das súas persoas, da familia que vas construíndo e, de forma natural, o corpo, o corazón vaiche pedindo falar nesta lingua. Este libro disco é unha forma de devolver a Galicia todo o que hoxe miro para atrás e sinto de agradecemento». Con sentimentos a flor de pel, Gustavo Almeida (Río de Xaneiro, 1987) aborda o xerme do seu primeiro disco na súa lingua de adopción, Vértice. Versión en galego, que presentará o vindeiro venres no Teatro Principal de Pontevedra.

—Cando se xestou «Vértice»?

—Cando foi a pandemia... bendita pandemia para isto que me deu o tempo necesario. Levaba xa uns anos querendo facelo e grazas ao parón tiven o tempo para elaboralo. Non foi só adaptar as cancións, era adaptar todo o texto do libro.

—E rodeouse de amigos...

—Si, están Teo Cardalda, de Cómplices, Nastasia Zürcher, Silvia Penide, Sheila Patricia, Manoele de Felisa e Brais Morán. Como é un disco que xa tiña saído a súa versión en castelán, quixen non só adaptar, senón regalar algo máis e alimentar o debate, que hoxe en día están tan de moda, de cal é a versión que máis gusta. A verdade é que as colaboracións quedaron... É moi difícil adaptar unha canción cando xa están ben e eu creo que xa tiña un disco que era moi bo, mais eles conseguiron superar a primeira versión. Non é algo metido con calzador, senón que parece que nacemos para facer cada canción.

—Imaxino que ao traducir ao galego, en moitas ocasións cambiará a rima das estrofas.

—Si. Nisto axudoume moito Baia Fernández, qué unha escritora galega e amiga. Aquelas citas dos mércores vía Zoom deron os seus froitos. Cando empezamos con este disco para min foi un descubrimento. Confeso que non era consciente de todo o que ía a aprender da literatura e da gramática galegas, da súa riqueza, de palabras que nunca tiña escoitado, como «aloumiños», «ceibaron»... Paréceme unha sorte, un regalo, atreverme a facer iso e, sen ser consciente, recibir moito máis do que pensaba.

LÓPEZ PENIDE

—Como vai ser a presentación desde venres?

—O Teatro Principal é como a maternidade dos meus discos. Tiven a sorte de podelos presentar todos aí. É moi fermoso e espero ter isto en todos os meus traballos, poder pasar polo teatro e poder ensinar ao público, neste caso, de Pontevedra este traballo. Facer un disco, hoxe en día, custa moito e gusta que naza nun sitio que soa tan ben e que é tan bonito como o Principal.

—Haberá xira?

—Si, claro. O concerto do Principal é como o pistoletazo de saída do 2023. Loxicamente, Gustavo Almeida non é soamente Vértice. Versión en galego, senón que é moito máis. De feito, o 10 sacarei, e no Principal vou facer un spoiler completo, unha canción en portugués que sacarei co meu irmán Rodrigo Almeida, O ceo sempre se abre, que é a versión portugués que está en galego no disco. No teatro faremos o estreo do videoclip que sairá o 10 de febreiro, será a premiere.

—Para quen non coñeza aínda a Gustavo Almeida, como se definiría?

—Gustavo Almeida é un apaixonado da música, sufro do mal de Stendhal musical. Choro coas miñas cancións, imaxina coas demais. Desvivo pola música, quero morrer cantando como morren as cigarras, como di unha bulería. Non podo, nin quero, esquecer o feito de que son brasileiro. Iso marca moito e sempre ira comigo cante na lingua que cante. Primo a espontaneidade, a naturalidade, independentemente dos resultados. A arte é sagrada, a composición e un milagre, e quero que sempre se manteña a pureza dese milagre. E se chega a moitísima xente, marabilloso.

—O que moitos non saben é que chegou a Pontevedra, non como músico, senón como futbolista profesional.

—Soa a tópico... Brasileiro, músico e futbolista, pero si. Gústame mirar o meu camiño como un conxunto de eslavóns e un deles para que eu fose que son e onde estou, que son feliz en Pontevedra veu, un pouco polo fútbol con aquel primeiro paso polo Celta de Vigo, que fixo que construíra a semente máis importante da miña vida, que é a miña familia. E, de feito, ten relación co nome do disco. Vértice é Río de Xaneiro e Galicia, mais a parte literaria chámase Travesía, que é ese paso do fútbol á música. A forma de escribir o libro ten un pouco de estilo Pulp Fiction, aquela película de Tarantino, que vai cara adiante e cara atrás. Vou contando no presente o proceso da elaboración deste libro disco, pero recordo no pasado a tránsito do fútbol á música. E, ao final, esas dúas historias atópanse. Son como o vértice entre o fútbol e a música, entre Río de Xaneiro e a Galicia. Son feliz de verdade.

—Alude a parte literaria e aí hai que falar de dous nomes propios, os de Baia Fernández e de Fina Casalderrey, que escriben os prólogos de «Vértice».

—Unha delas, Baia Fernández colaborou nas adaptacións das cancións. Pola súa banda, Fina Casalderrey é unha delicatessen poder ter unha institución, unha lenda viva da literatura galega, nesa parte literaria do disco e facendo un texto coa súa marca e, ademais, falando de min, da miña historia, da miña música. É un texto marabilloso. Nunca esquecerei que a primeira vez que o lin chorei como un descosido porque ten un forma de escribir moi doce e moi rica. Usar as letras das miñas cancións para a súa escrita é todo unha honra. Con este libro disco, e é unha frase moi galega, quedoume a cabeza descansada. A miña sogra, que en paz descanse, dicíame moito esta frase e creo que cando terminei isto, ela seguro que me diría, porque xa non estaba, ‘quedouche a cabeza descansada'. Todo o que podía meter de bo está neste disco libro.