Gustavo Almeida presenta en Pontevedra o seu primeiro disco en galego, «Vértice»

PONTEVEDRA CIUDAD

CEDIDA

29 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Venres, 3 de febreiro • 21 horas • Entrada de balde ata completar o aforo • Vértice. Este foi o título elixido por Gustavo Almeida para bautizar o seu primeiro disco en galego e que será presentado o vindeiro venres no teatro Principal de Pontevedra. Neste concerto, ademais da banda que habitualmente acompaña a este artista, participarán como convidados os seis artistas que colaboraron nos duetos deste traballo: Teo Cardalda (Cómplices), Nastasia Zürcher, Silvia Penide, Sheila Patricia, Manoele de Felisa e Brais Morán.

Deste xeito, e logo de catro discos en castelán e portugués, Gustavo Almeida rende tributo á lingua do seu lugar de residencia, Galicia. «Vértice é un disco-libro que conta, no apartado literario, con dúas historias que se entrelazan: O seu paso do fútbol á música e o proceso de produción do mesmo», resaltan ao respecto dun álbum que conta cos prólogos das escritoras Baia Fernández e Fina Casalderrey «como delicatessen e o cifrado de todas as cancións».

Pola súa banda, o apartado musical, «evoca ese punto de unión entre dous mundos e dúas culturas, a brasileira e a española, e esa fusión de estilos —pop, funk, canción de autor...— que sempre ten caracterizado os traballos discográficos de Gustavo Almeida».

Polo pronto, Entre o ceo e o esquecemento, con Teo Cardalda, e Conexión, con Nastasia Zürcher, cantante e compositora galego-suíza que foi recoñecida na pasada edición dos Premios da Música Martín Códax con os galardóns á Artista do Ano e o da categoría de Blues, Funk e Soul, xa contan cun videoclip ao ser os sinxelos de adianto deste traballo.

A presentación de Vértice no Teatro Principal será o prolegómeno que levará a Gustavo Almeida e a súa banda a xirar por toda a xeografía galega ao longo de todo o presente 2023.