A memoria en Pontevedra da canción tradicional

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

RAMON LEIRO

Xurdida a finais do 2015, Cantanascroas é unhas das agrupacións da bisbarra que apostan por recuperar os cantos tradicionais

22 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Naceron en novembro do 2015 e toman o seu nome, Cantanascroas, dun castro: «Xurde porque tíñamos que buscar un nome e, dado que somos un grupo de canto no que a maior parte somos de Salcedo, temos na parroquia o Castro das Croas. É un pequeno monte que hai subindo de Pontevedra cara o cuartel de Figueirido. Pareceunos un nome con moita sonoridade. Foi o nome que mellor nos soou», apunta Quique Juncal.

RAMON LEIRO

En canto á agrupación, esta naceu «porque a unhas cantas persoas gustábanos cantar, non en plan profesional como pode ser un coro, senón recuperando as cancións de sempre, as cancións tradicionais, os cantos das tabernas e as que cantaban cando a xente se xuntaba en foliadas ou seráns. Empezamos un grupo, algúns continuamos, algúns outros fórono deixando, fomos adaptándonos a novas cousas que foron xurdindo e moi contentos», destaca Quique Juncal.

Mención aparte foi a pandemia, onde «sufrimos un parón como todo o mundo. Quedamos bastante tocados», apunta antes de engadir que, «de feito, algúns membros deixárono. Volvemos outra vez e aínda con máis impulso que ao principio».

RAMON LEIRO

Na actualidade, Cantanascroas está composto por dezaseis cantantes e «un par de músicos de apoio que normalmente soen vir cando temos actuación e que ensaian con nós». Todos os luns pola tarde xúntanse na Casa Verde de Salcedo para ensaiar un repertorio que, segundo recoñece Juncal, busca recuperar as cancións tradicionais, unha labor de recuperación que ten a súa dificultade: «Cando empeza todo o mundo ten a tendencia de buscar as máis coñecidas, as que todo o mundo ten na cabeza e sempre cantamos na caso cando temos unha festa e ninguén sabe completa máis alá dun par de versos ou par de estrofas».

Creacións propias

A día de hoxe, a agrupación pontevedresa trata de introducir cantos menos coñecidos e, incluso, están a apostar por algunha creación propia do director Andrés Lorenzo, que é tamén o director de Os Coribantes de Buchabade. De igual xeito, buscan adaptarse ao contexto, ao lugar onde se atopan. Así, apostan por un repertorio máis de cantos centrados no mar no caso de poboacións de tradición mariñeira. E, de igual maneira, ocorre no caso de desprazarse a un punto do interior.

RAMON LEIRO

«O que pretendemos cando vamos a un sitio é que a xente cante con nós. Non é só subir nós en plan en artistas, de subir a un escenario e dalo todo. Non. O ideal é que a xente acabe coñecendo as cancións e que as cante porque a idea última é recuperar, que non se esquezan estas cousas que tíñamos escoitado nalgún momento das nosas vidas», incide precisando que «o 99,99 % do que cantamos son temas en galego, cancións tradicionais nosas».

RAMON LEIRO

Neste punto, Quique Juncal cualifica de «curiosísimo» o feito de que, mentres o INE certificou recentemente que o castelán é a lingua maioritaria na comunidade, «todo o mundo coñece un montón de cancións en galego ou polo menos tenas na cabeza». Neste punto, resaltou a iniciativa de Cantos de Taberna, na que Cantanascroas participou nalgunha ocasión, na que se reparten as letras dos temas para que o público acompañe aos grupos: «É enriquecer e por en valor isto que para nós é tan importante como é a transmisión das tradicións orais e que a xente incorpore estes ritmos, estas cadencias, estas voces... que todos levamos dentro».