Discurso de Maite Méndez al recoger el premio Cidade de Pontevedra

Maite Méndez

PONTEVEDRA CIUDAD

Entrega de los premios Cidade de Pontevedra. Maite Méndez, durante su discurso de agradecimiento
Entrega de los premios Cidade de Pontevedra. Maite Méndez, durante su discurso de agradecimiento Ramón Leiro

«¡Que o balencesto e deporte feminino vos acompañen na vida!»

20 ene 2023 . Actualizado a las 17:39 h.

Estimada Corporación Municipal. Estimado xurado dos premios Cidade de Pontevedra.

Estimados acompañantes do Teatro no día hoxe e pontevedreses.

Quero empezar co meu agradecemento por este galardón. Non imaxinades a ilusión que me produce. Cando me chamou o alcalde, Miguel Lores, esvaeceron as bágoas de emoción. O mesmo me ocorreu, ao comunicarmo uns días antes a Presidenta e a Secretaria de ASSEI: Angela e Mili Paz.Sei que traballaron moitísimo a candidatura xunto coas persoas do Club. O meu agradecemento para todas e todos, ás que vos sensibilizáchedes dalgún xeito.

Pensaba nestes días como foi este camiño de vida. As orixes xa teñen moito que ver. Fun educada no esforzo, no compromiso e na responsabilidade. Sendo a maior de 4 irmáns, non podía ser doutro xeito. Nacín na Porta do Sol, en Lérez, así que pontevedresa me sinto pero non de pura cepa, porque son filla de emigrantes de Ponteareas. Formo parte dunha extensa familia. As miñas avoas e avós, as miñas tías e tíos e por supostísimo a miña nai e o meu pai, Teresina ou Tere para outros, e Luís, formaron un inclusivo universo para as cativas que fomos chegando.

Eramos como unha tribo, onde os maiores eran a fonte de aprendizaxe e a vida a fonte de inspiración. Proporcionáronnos unha educación chea de experiencias vitais e críticas, na que o deporte e a música eran un medio de desfrute, ferramentas para viaxar e coñecer culturas e forxar amizades.... Un espazo, en fin, de «cultivo» social, que trasladamos ás familias que creamos despois como por exemplo a miña.

En 1984, un grupo de mulleres da Cidade, revolucionamos as nosas vidas. Cabreadas por ter que renunciar a xogar a baloncesto por diversas circunstancias, decidimos que se non había oportunidades, poderíamos crealas. Aquelo que algúns consideraron rebeldía momentánea, era o inicio do C.B. Arxil. Os nosos obxectivos: ofertar unha oportunidade a calquera nena pontevedresa que quixera facer deporte e por suposto seguir desfrutando como xogadoras.

Esta etapa coincidía coa Universidade. Unha parte do equipo ficábamos na Cidade e tiñamos que adaptarnos as posibilidades que atopábamos aquí. A min, escolleume Maxisterio, e tardei un pouco en decatarme, de que ser mestra, mergullaríame de novo no compromiso e implicación sociais, a aprendizaxe e formación continuas e unha morea de encrucilladas nas que había que remar sempre para resolver. Rematar a miña carreira profesional como Orientadora, amosoume unha realidade para o alumnado de capacidades diferentes e ás súas familias moi frustrante. Levoume a conectar con asociacións (Xuntos Pontevedra, BATA, Juan XXIII, Príncipe Felipe...), servizos de atención primaria, a USMIX, servizos sociais dos Concellos, etc. que me enriqueceron totalmente. Non chegariades a imaxinar a lección de vida desta rapazada, o agradecida que é e como me transformaron.

E falta outra clave neste ADN. O Club Baloncesto Arxil. Pensaba nestes días, que nos seus 38 anos de existencia ininterrompidos ( dise pronto ¿verdade?), unhas 4.000 rapazas, mais preto de 5.000, formaron parte desta familia. Ninguén imaxina o nivel de esixencia que require un club modesto, que ademais de segundo apelido leva feminino, con dedicación e implicación altruístas en moitos casos. Teño unha frase para definir a dinámica diaria: «o inmediato supera ao urxente». E si inda por riba promoves iniciativas pioneiras, como o deporte na rúa, o apoio á muller, a ensinanza significativa, a colaboración cos centros educativos, coas asociacións como a Asociación Virgen de la O.... , ese traballo multiplícase. Sabemos que as que formaron e forman parte desta «tribo», son doutra pasta. Falo das técnicas e directivas, as que estiveron e as que están e sobre todo de Lino e San, fundadores tamén do Club. Son fíos que entrelazan esa rede marabillosa de sostén representada en cada xogadora que sae a pista cunha camiseta verde.

Cando me preguntan polos logros como adestradora ou polos logros do Club, realmente non sei que contestar. Suficiente a actividade de formación solo con mulleres 38 anos? Facelo cando era política e socialmente invisible? Cando non reportaba rédito nas subvencións ser un Club feminino? Que difícil ¿ verdade? Porque ao final todo se reduce en vitorias en campionatos, fases de ascenso... E aínda que traballes, ¡hai tantos condicionantes!. Ao longo desta historia non se nos aceptou solo vencer, ademais tivemos que convencer. Que papel tan importante xoga a sociedade cos patrocinios, as subvencións e a implicación familiar ¿verdade?. Poder desenvolver as iniciativas non é posible doutro xeito.

Vos dariades conta de que estas reflexións van en feminino. Feito adrede, porque quero que hoxe a linguaxe en feminino englobe aos homes que participaron e participan e non ao revés. Non poñamos teitos, non nos conformemos; empurremos dende os nosos ámbitos para avanzar cada día, sen pausa. E aquí fago unha chamada as empresas: apostade polo deporte feminino, sairedes reforzados. E tamén aos que xestionades o deporte local e autonómico: impulsade as ferramentas que precisamos os proxectos modestos e femininos, porque detrás hai moitas persoas invisibles que o merecen e que empeñan incluso o seu patrimonio persoal.

Por certo, un apunte. A accesibilidade é unha prioridade. Non se sabe ata que se padece. Volo podo asegurar por experiencias vitais recentes. Así que seguide traballando para que esta Cidade sexa accesible a todo o mundo, polos baños adaptados, polos firmes seguros.... en resumo por unha vila para todas. Niso inclúo as instalacións deportivas que hai e as que están por vir; aquí vos pido que os rótulos SACC se engadan e pasen a integrar unha posibilidade de información para as nenas que precisan de sistemas de comunicación alternativos.

Para rematar, si teño que definirme cunha palabra escollo «Afortunada». Pola rede que a miña familia supón para min, por recibir este premio para poder desfrutalo coas que me acompañaron e acompañan neste camiño de vida. Mamá, Choliño, Tías, Laura, sei que estades aplaudindo tamén. Porque onde nacemos é casualidade; no meu caso unha bendita casualidade por ser en Pontevedra. Pero vivir é un compromiso, unha festa e unha responsabilidade coas persoas que están nas nosas mans. Así o sinto e intento transmitilo. Por iso este premio está repartido en moitos anacos.

Grazas a todas as que sodes permeables ás inquedanzas das mulleres, por permitirme con este premio pasar a ser unha pontevedresa de honra, algo incríbel co que non contaba. E tamén por compartirlo coa Orquestra Sinfónica de Pontevedra e con Judith Rey, a súa DIRECTORA (con maiúsculas). Porque os seus desexos e empeños, tamén son os meus, e porque sendo medio ponteareana, como podedes imaxinar a música vai nas venas. Nada mellor para completar este día.

Grazas e ¡Que o baloncesto e o deporte feminino vos acompañen na vida!.