A artista Maritza Berttolini dirixe no Museo de Pontevedra un obradoiro de bordado como técnica pictórica

PONTEVEDRA CIUDAD

Os participantes experimentarán os diferentes tipos de puntadas do bordado
03 feb 2023 . Actualizado a las 21:04 h.Impartido pola artista téxtil mexicana Maritza Berttolini, o Museo de Pontevedra organiza un obradoiro de Ilustración bordada para un público adulto. A iniciativa desenvolverase en dúas quendas de cinco sesións todos os xoves de 18 a 19.30 horas. Con doce prazas por quenda, a inscrición é gratuíta e poderase facer a partir deste luns 9 de xaneiro en reservas.museo@depo.gal.
Dende o Museo destacaron o feito de que este obradoiro aborda o bordado como técnica pictórica, de tal xeito que «o fío e a agulla se empregan como ferramentas para transformar unha ilustración 2D noutra con volume e texturas, utilizando como base o téxtil». E como punto de partida destes traballos, obras pertencentes á colección do Museo de artistas como Castelao, Carlos Maside ou Urbano Lugrís.
Os participantes experimentarán os diferentes tipos de puntadas do bordado, ao tempo que observarán «como a gama cromática inflúe no mundo téxtil e a diferenza entre contraste (textura) e volume (sentido das puntadas). Tamén aprenderán cales son as mellores puntadas para realizar cada ilustración, os acentos de cor e a resolución de imprevistos. Por último, trataranse os acabados».