Alfonso Barreiro, Fon: «A miña espiniña cravada sería facer unha banda deseñada para un público adulto»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro

O autor noiés matiza, en todo caso, que, de momento, seguirá centrado no público infantil e xuvenil

17 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os gazafellos son os protagonistas de dous albumes de banda deseñada homónimos realizados por Alfonso Barreiro, Fon (Noia, 1980), que onte estivo na libraría Paz de Pontevedra. Pero, ¿quen son os gazafellos? «É unha lenda que temos en Galicia. A miña avoa contábama e son uns seres mitolóxicos e que, por tanto, non existen. Cando a xente viña de fora ás aldeas, gastábanlles unha pequena broma. Lévanos ao monte con tixolas, potas, lanternas... e tiñan que cantar unha canción, ‘‘Gazafello ven / Gazafello sae'', para tratar de atopalos. E, claro, nunca os encontraban e os visitantes quedaban abandonados no monte á súa sorte».

—E partir desta premisa xurdiu «Gazafellos»?

—Iso é. Desa lenda que me contaba a miña avoa fixen estas historietas nas que a un rapaz, Mauro, o fan ir buscar gazafellos e atópaos.

—E xa vai polo segundo volume.

—Si, e con intención de sacar un terceiro.

—Con cinco libros de banda deseñada no mercado, cal é a situación do sector?

—No meu caso particular, estou moi contento. O primeiro de todos, Curuxa. A voz de Azazel, con Retranca Editora, está esgotado. A ver si para o vindeiro ano teño feita unha segunda parte. A intención sería reeditar o primeiro e que saise o segundo. Gazafellos estase vendendo moi ben e o segundo tivo unha tirada un pouco máis grande. O resto, tanto Troglo & Dita, como Cósmico, bombeiro galáctico, tamén están funcionando moi ben.

Ramón Leiro

—É un dos artistas xurdidos de O Garaxe Hermético, a escola profesional impulsada por Kiko da Silva. Que supón dispor desta escola en Pontevedra?

—Está contribuíndo a que apareza un bum de novos autores. Penso que si esa escola non existise, en concreto eu, ao mellor, non estaba publicando cómics, igual seguía exercendo a miña antiga profesión, que era de enxeñeiro técnico, que tampouco tiña ningún mal.

—E ten algunha espiña cravada?

—Se observamos os cómics que fun sacando, ata o de agora me fun enfocando nun público infantil e xuvenil. A miña espiniña cravada e que espero descravar algún día sería facer unha banda deseñada para un público máis adulto. De momento, aínda non o contemplo, pero teño un par de proxecto, un par de ideas, que se están escribindo coa intención de dentro, non sei, cinco anos... De momento quero seguir adicándome aos máis pequechos porque non hai moito oco para eles. Sería a miña espiniña, pero estou facendo por solucionalo.

—Considera que existe algunha diferencia entre a banda deseñada que se fai en Galicia coa que se pode facer en outros puntos das península?

—Pode que haxa unha diferencia en canto a contidos. É certo que agora se están usando moito máis as historias que temos aquí. Vexo que hai xente que están facendo banda deseñada empregando lendas populares de Galicia. Nese aspecto si que pode haber algunha diferencia en contido, pero a nivel técnico non creo. Hai un afán por contar cousas de aquí e iso si que é novedoso.