José Alberto Angulo, escritor: «A min non me servía publicar de calquera maneira»
PONTEVEDRA CIUDAD
O pontevedrés mestura na súa opera prima misterio, fantasía non máxica, ciencia-ficción e, sobre todo, aventuras
04 dic 2022 . Actualizado a las 18:52 h.Ecos perdidos é o título da opera prima do pontevedrés José Alberto Angulo, unha novela que ten como xerme un proxecto de literatura interactiva que se iniciou no 2015. «Tiña un blogue no que colocaba un capítulo que terminaba cunha enquisa na que a xente que o lía votaba como quería que continuase. Co paso do tempo, o propio proceso creativo fixo que aquilo se me quedase curto, ter que estar esperando a que a xente vota, ás veces non votaban que a min, como autor, me gustaría... Era moi curioso que cando poñía no inquérito ‘e recibe tal persoaxe unha chamada telefónica’, a xente elexía sempre esa opción, sempre. Iso sumado a que eu necesitaba algo máis foi como dicir que ‘está moi bonito o proxecto, pero creceu máis do que eu pensaba’. E empecei a traballar no desenvolvemento dunha novela convencional», engade o propio autor.
—Cal é, sen desvelar spoilers, a síntese de «Ecos perdidos»?
—É unha novela de aventuras mais cun armazón de ciencia-ficción, de fantasía non máxica, misterio... Mestura moitos xéneros. Parte dun feito difícil de explicar, misterioso e vaite levando a unha desestruturación do mundo tal e como o coñecemos e por medio dunhas arqueólogas, que é a segunda trama da novela, vaise desenvolvendo un momento de crise a nivel... Non sei se desvelalo. Cando me preguntan non sei ata onde podo chegar. Está perfectamente posto na sinopse da propia novela.
—Para un autor novel, que é máis complicado? Escribir a novela ou publicala?
—Realmente, publicala. A min non me servía publicar de calquera maneira. Tiña claro o produto que tiña, o nivel que tiña o proxecto e non estaba disposto a publicalo cunha editorial simplemente polo mero facto de publicalo nunha editorial. Preferín ser eu quen se encargara da maquetación, deseño, correccións... antes de deixalo nunhas mans doutras persoas que non me ofertaban garantías. É máis, non estaba disposto a entrar polo negocio literario. É incrible a cantidade de empresas que te ofrecen toda clase de servizos e é todo un puñetero negocio que si non pasas de tres mil ou catro mil euros non empezan a facer algo mínimo contigo. Xogan coa ilusión de cantidade de xente. Un dos motivos polo que non exercín como xornalista foi porque me requirían traballar horas e horas sen pagarme. O mundo literario é bastante parecido a iso.
—O feito de ser cego, influíu na concepción da novela?
—Non. Son deficiente visual e ata os 12 años tiven perfecta visión. O meu problema ven por unha neglixencia médica e unha enfermidade. Á hora de escribir creo que o fago bastante visual porque, digamos, teño ese coñecemento espacial de ter visto. Se non tivera tido esa visión ata os 12 anos ou fora unha persoa cen por cen cega de toda a vida, seguramente si que tería sido máis complicado á hora de desenvolver a propia descrición, a narración... O enriquecería con outras cousas, seguramente, pero si que é certo que a miña forma de escribir é moi visual.
—Como está sendo a recepción de «Ecos perdidos»?
—Estamos no principio, estamos en promoción e a xente está empezando a lela, pero todo que me chega de xente que leu é que lle está gustando, pero, sobre todo, sorprendendo. Moitas veces non te esperas encontrar iso cun autor novel, mentres que noutros casos, quen te empeza a ler cando autopublicas? Pois a xente da túa contorna e moita xente sorprendese porque non esperan encontrar o que encontran. Iso gústame, sobre todo, cando ven de xente, sen desmerecer aos demais, lectora que ten con que comparar.
—E cal foi a maior sorpresa?
—Non sabería dicir... Estar hoxe contigo (risas).
—Ten pensado seguir escribindo?
—Si, a segunda novela está encarrilada. Estou no seu proceso creativo, que espero acaba en marzo, e despois comezar con maquetación, corrección e deseño para xa en outubro ou novembro do ano que ven sacala ao público.
—É unha continuación?
—Non. Non ten nada que ver. Quizais imos meter algo de novela histórica mesturado co presente... Cambiamos a ciencia-ficción por novela histórica, pero segue a ser fantasía non máxica, misterio, un pouquiño de terror e, sobre todo, aventuras.
—Considera que a novela de xénero é moi pechada?
—Non, creo que non. O certo é que pode parecer un nicho, a priori, moi encasillado porque é moi fiel. Pero Ecos perdidos é unha novel perfectamente accesible a calquera persoa que lle guste as novelas de aventuras. A priori pode parecer o que dis, pero creo que, de facto, non o é. Hai moita xente que está chegando á novela polo boca-orella, que cando autopublicas é o máis importante, e que me sorprende que lles guste.
—Onde se pode atopar «Ecos perdidos»?
—Polo momento, só en Amazon. Hai a versión ebook para Kindle e o formato en papel.