O Harmonio de Xeve volve a soar en Pontevedra trala súa restauración

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

CEDIDA

06 nov 2022 . Actualizado a las 11:34 h.

Hoxe • 19 horas • Igrexa de Santa María de Xeve • Construído hai 120 anos en París nos obradoiros de H. Christophe & Etienne con madeira de carballo, o Harmonio de Xeve volverá a soar esta tarde na igrexa parroquial, edificio que data de 1760, trala súa restauración. Os impulsores desta restauración destacaron que a mesma «foi financiada única e exclusivamente coas aportacións das persoas interesadas en contribuír á recuperación do patrimonio de Xeve mediante aportacións de dous euros». 

E para conmemorar tal feito, nada mellor que un concerto no que se interpretarán diversas pezas por parte da pianista Lorena Varela, o cantante Isidro Betacourt e a violinista Ioana Pérez. De feito, «para a ocasión o mestre Fernando Ruibal —encárgase da dirección musical—, natural de Xeve, compuxo unha canción de título O piñeiro de Gondar, con letra da poesía do mesmo título de Conchi Núñez de Gatomorto», que se estreará para a ocasión.

«A restauración supón para a parroquia a oportunidade de recuperar unha peza do seu patrimonio que leva máis dunha centuria acompañando ás celebracións xevianas», engadiron, ao tempo que remarcaron que un harmonio é un instrumento «semellante a un órgano, provisto dun fol que se acciona cos pés e que, en lugar de tubos, ten unhas lingüetas semellantes ás dun acordeón», precisaron.

En canto ao programa, interpretaranse O son do Ar, de Luar na Lubre; O carro, de Fuxan os Ventos con letra de Manoel María; Meu amor é mariñeiro, tamén de Fuxan os Ventos con letra de Lois Álvarez Pousa e Manuel Alegre; Alborada da Lanzada, música de Ernesto Campos; Romeiro ao lonxe” (Scarborough Fair), así como Tu gitana, de Luar na Lubre; Na capela de Esperante, música de Ernesto Campos; Ao-Tea-Roa, de Luar na Lubre; e O piñeiro de Gondar; e, para rematar, o himno galego composto por Eduardo Pondal e música de Pascual Veiga.