As mulleres do mar, protagonistas da campaña en TikTok da Memoria das Mulleres no seu novo vídeo

La Voz PONTEVEDRA LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Mariscadoras en la ría de Pontevedra
Mariscadoras en la ría de Pontevedra Ramón Leiro

Sara Seco ofrece información e dá voz a un conxunto de traballadoras que o deron todo durante anos para sacar adiante ás súas familias

01 nov 2022 . Actualizado a las 12:09 h.

A concellería de Patrimonio e Memoria Histórica de Pontevedra puxo en marcha o pasado mes de abril, dentro do programa A Memoria das Mulleres, un ciclo de creación e divulgación de pezas audiovisuais da man de tres creadoras galegas. Nesta ocasión, María Rúa, Helena López e Sara Seco foron as escollidas para divulgar as diferentes biografías de mulleres presentes na web dogrisaovioleta.gal.

O novo video deste ciclo audiovisual é obra de Sara Seco, que vén de publicar no seu TikTok un vídeo adicado ás mulleres do mar. Trátase dunha peza que combina e mestura a divulgación da man de testemuñas directas —varias traballadoras do mar relatan as condicións nas que traballaron de mozas— e de gastronomía —a tiktoker amosa como vai cociñando un produto extraído do mar—.

«A relación da muller co mar é de traballo, de vida e de infancias roubadas», comenta Seco no seu vídeo. «A elas correspondeulles facerse donas dos seus traballos, sen coberturas legais e sen limitacións horarias. Coa simple axuda dun caldeiro e dunhas botas saían faenar». Ao tempo que a creadora ofrece estas pílulas informativas, as propias mulleres que traballaron no mar dan a súa versión.

O vídeo está a gozar de bastante dentro da comunidade galega de TikTok, con case 12 mil reproducións en apenas un día desde a súa publicación, máis de dos mil ‘Gústames’ e decenas de comentarios subliñando a importancia destes traballos e do importante que é recuperar e subliñar o feito polas traballadoras.

Nado no ano 2013, da man do Concello de Pontevedra, o proxecto A memoria das mulleres ten como finalidade construír, de modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e audiovisual da historia das mulleres en Pontevedra.