A vindeira edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra invitará a xogar

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

O escritor Manuel Lourezo e a concelleira de Cultura, Carme Fouces, no Concello de Pontevedra
O escritor Manuel Lourezo e a concelleira de Cultura, Carme Fouces, no Concello de Pontevedra CAPOTILLO

Terá lugar do 21 de abril ao 7 de maio, homenaxeará a Manuel Lourenzo e a Maife Quesada, e Colombia será país convidado

21 oct 2022 . Actualizado a las 11:02 h.

«Xogar é unha cousa moi sería» avanzou este xoves a concelleira de Cultura, Carme Fouces (BNG), citando a Tonucci, nunha comparecencia para anunciar a próxima edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que terá lugar do 21 de abril ao 7 de maio. Libros para xogar vai ser o lema do Salón. «Foi unha nena, no último día do Salón, a que propuxo o tema deste ano. A nosa experiencia logo de traballar moitos anos con cativada, dinos que as ideas aportadas polos máis pequenos son moi relevantes e atinadas, por iso tamén nos tomamos moi en serio a proposta e este ano adicamos o Salón do Libro ao xogo».

Fouces tamén anunciou que Colombia será o país convidado: «Levábamos tempo ollando para ese país e seguindo os seus proxectos xa que son un grande exemplo de como a cultura se pode empregar como ferramenta de transformación do entorno. Teñen traballado en zonas moi desfavorecidas nas que mediante o libro, a lectura e a cultura en xeral levaron a cabo importantes cambios nesa sociedade».

En canto aos autores homenaxeados, van ser Manuel Lourenzo González e a ilustradora Maife Quesada. De Lourenzo explicou Fouces que «foi un gran profesor, un gran escritor de literatura de adultos pero tamén para nenos e nenas e xente moza, pero foi tamén director do Salón do Libro durante varias edicións. As súas exposicións sobre obxectos cotiás son memorables». Polo que respecta a Quesada, a concelleira de Cultura subliñou o seu papel como «ilustradora pioneira neste país».

Na comparecencia no Concello de Pontevedra estivo presente Manuel Lourenzo —Quesada escusouse por motivos de saúde—, que quixo amosar o seu agradacemento ao Salón do Libro por lembrarse del nesta homenaxe «á xente que traballamos no mundo dos libros, tanto da escrita como da ilustración. Unha homenaxe que vén por dous lados, pola vinculación coa literatura para rapaces pequenos e de mediana e tamén pola miña vinculación aló polos seus inicios coa responsabilidade de dirixir ou coordinar algunhas desas primeiras edicións do Salón».