Ugía Pedreira, cantante: «Ponme, quéntame saber que vou a Pontevedra»
PONTEVEDRA CIUDAD
Acompañada por Xavier Belho e Pierre Rougier, a cantante presenta no Principal o seu primeiro disco en solitario, «unha oda á palabra»
15 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O vindeiro 29 de outubro e no marco de As Matinés do Principal (12.30 horas), A Pedreira ofrecerá un concerto. «Este proxecto, Segmento Cantábrico, conleva un despliegue escénico. Non só son as cancións do disco, xa que hai uns temas a maiores que non están no disco e hai unha posta en escena cun traballo audiovisual, un traballo sobre as tipografías… Empezas polo final, esta tería que ser a última pregunta», sinala Ugia Pedreira (Vilaronte, Lugo, 1971) destacando que o seu espectáculo en Pontevedra contará «cunha pantalla na que pinta Xavier Belho a medida que vamos falando», así como estará acompañada por Pierre Rougier produtor do disco. En definitiva, «ten unha coidada posta en escena na que, por un lado, hai unha persoa de plástica que traballa as tipografías, [porque] o mundo da tipografía ten moito que ver con Segmento Cantábrico porque representa o mundo da palabra. O álbum leva un poemario e hai unha presenza plástica, musical, oral e de pensamento no espectáculo e na posta en escena. Claramente, é unha oda á palabra».
—Unha das características de As Matinés é o horario do concerto, ¿é estraño para unha artista como vostede?
—Non, para nada. É máis, encántame. Prefiro horarios de mañá, de tarde ou de media tarde antes que as tantas da noite. Persoalmente, se imbrico a miña vida coa arte, que é o que fago habitualmente dende compoño ata que é lanzado ao público, venme mellor este horario.
—E cal é a situación actual da música feita en Galicia?
—Non teño nin idea. Levo sete anos fora dos palcos convencionais. Creo que levo sete anos falando con moi poucos músicos, a xente do oficio tampouco se dirixiu moito a min, estiven máis con artistas de danza, escritores, poetas, de plástica… polo que chego agora mesmo con 50 anos e sete de silencio nova a un oficio que non coñezo moi ben. Iso non quere dicir que non faga concertos. Estou facendo concertos marabillosos e atopando xente marabillosa en Portugal, Galicia e Asturias, e en España con Enredadas. Está sendo un punto bastante brutal tocar con Martirio e Carmen París en varios lugares do Estado español.
—Sete anos de silencio significan sete anos de estar compoñendo na casa ou foron sete anos de non saber nada da música?
—Non. Estiven facendo cousas que tiveron que ve co compromiso social, co traballo comunitario a través da música e axudei a compoñer a outra xente e axudei a montar postas en escena a outra xente, como pode ser Costuras, de Guadi Galego. Mais no palco non estiven. Son unha nai especial dunha filla con diversidade funcional e vivo da miña creación. Isto é unha brutalidade e entendo que para mastigar non é doado para min e, polo que vexo, nin para o resto. Volvín con outros anos, con outra capacidade cerebral e con outras ideas. Estou encantada de chegar a Pontevedra. Fai moito que non vou. Cantei con Marful, con Chouteira, con Nordestin@s, con Abe Rádabe, con Guadi Galego, con Ecléctica Ensemble e con todo o meu pasado. Volver sola con este disco, que é un traballo de vinculeira, que é o primeiro disco firmado por min faime moitísima ilusión e, ademais, é un reto, é como un ave fénix, o rexurdir dunhas cinzas.
—Polo que sei sempre estivo moi vinculada profesionalmente a Pontevedra?
—En Pontevedra presentei o Ano da Música do 2004, tiven unha aula de folk infantil que deseñei e durou moitísimos anos, tiven moitos amigos, gocei da cidade a morte… son unha fan desta cidade que me tarda moito, que me pon. Ponme, quéntame saber que vou a Pontevedra.