Os escolares pontevedreses recibirán información didáctica sobre enfermidades intestinais

La Voz PONTEVEDRA LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Presentación da iniciativa no Concello de Pontevedra
Presentación da iniciativa no Concello de Pontevedra CONCELLO

Concello, Sergas e asociación de afectados colaboran na iniciativa «Educar é previr»

14 sep 2022 . Actualizado a las 19:21 h.

Concienciar aos máis pequenos sobre a necesidade de previr e detectar as Enfermidades Inflamatorias Intestinais é un dos principais obxectivos dun programa educativo que a Asociación Socio Sanitaria de EII (Asseii) porá en marcha nos nosos centros educativos e que se traducirá na distribución dun milleiro de unidades didácticas e de charlas impartidas coa axuda duns paneis imantados moi didácticos e sinxelos de comprender. A iniciativa, que conta coa colaboración da Concellería de Benestar Social de Pontevedra, a Xunta e o Sergas e mailo patrocinio da firma farmacéutica Janssen, desenvolverase inicialmente entre centros de ensino, colectivos e fundacións da provincia, coa pretensión de que poida chegar (cunha versión en castelán da guía) por colexios de toda España, e tamén a centros de persoas maiores e a profesionais do ámbito sanitario.

O proxecto foi presentadono Concello nunha comparecencia na que participaron o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; a presidenta de Asseii, Ángela Paz; a súa secretaria, Milagros Paz, e os membros do colectivo Lara de Saa e Víctor Loira, e na que se expuseron tanto as unidades didácticas como os paneis que se levarán polos colexios. Segundo sinalou o edil do PSOE, «a guía editada servirá para promover unha boa saúde dixestiva ante as EII entre os máis pequenos, os maiores e os profesionais, e é un reflexo de Asseii, que sempre ten un xeito orixinal e natural de amosar as cousas, sempre con sentido do humor, axudando a visibilizar estas patoloxías».

Tal e como asegurou Ángela Paz, o programa está enfocado a «educar para previr, sobre todo en enfermidades como estas, que cada vez aumentan máis na área sanitaria de Pontevedra» e artellouse mediante «unha guía divertida e amena, avalada pola Consellería de Sanidade, que a revisou, e os servizos de Dixestivo e de Enfermidades Inflamatorias Intestinais de Pontevedra, que tamén lle deron un visto e prace». 

Milagros Paz, docente que lle deu forma a esta unidade didáctica, indicou que, entre os recursos empregados, destinados a ofrecer charlas motivadoras, inclúense plataformas interactivas, técnicas de avaliación e dinámicas de grupo, «coas que se pretenden xerar rutinas de pensamento para aprender a pensar e saber se as súas ideas sobre estas enfermidades son as mesmas unha vez que as charlas conclúen. Queremos que se dean conta da cantidade de angustias e de medos que as persoas temos por falta de coñecemento, que se poidan sacar de dentro e que aqueles que estamos fóra aprendamos a empatizar. Imos comezar nos colexios, cos nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria, xa que, se estamos a falar de educar para previr, hai que empezar polos máis pequenos»..

Un dos paneis imantados servirá para explicar como é unha dixestión normal, con pezas para que os rapaces coñezan os percorridos que fan os alimentos cando os inxiren, e o outro para amosar as zonas afectadas polas EII, e dese xeito os nenos poden comparar de xeito máis interactivo e visual o que acontece cando hai unha dixestión normal e cando hai unha afección e se vexan na situación.

 A iniciativa conta xa coa implicación dos centros colexio San Narciso de Marín e CIFP A Xunqueira, a Asociación Xuntos Down de Pontevedra e o Club Waterpolo Pontevedra.