Vitoria nacional na Copa do Mundo de Tríatlon en Pontevedra 

Alexandre Davila PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Baxter e Serrat foron os protagonistas da competición internacional, na que a cidade arroupou aos deportistas tanto no estadio como nas rúas 

25 jul 2022 . Actualizado a las 10:43 h.

O tríatlon español volveu atopar en Pontevedra o mellor lugar para competir cos seus deportistas e, tal e como pasou no ano 2019 co Mundial de Longa Distancia con Javier Gómez Noya e con Pablo Dapena, onte a proba élite masculina volveu coroar a dous triatletas españois que monopolizaron as dúas primeiras posicións. O murciano Sergio Baxter e o galego Antonio Serrat foron os grandes protagonistas da xornada en Pontevedra cunha impecable carreira que dinamitaron nos quilómetros finais da última volta do circuíto a pé polas rúas do centro histórico pontevedrés.

Foi unha carreira de moita igualdade, sen destacados na primeira parte a nado polas augas do río Lérez e cun nutrido grupo de ciclistas compartindo pelotón durante os 40 quilómetros desta distancia olímpica. Tentouno o propio Serrat na cuarta das sete voltas sobre as dúas rodas, pero axiña foi interceptado. Finalmente foron máis de corenta triatletas os que chegaron practicamente ao tempo á última transición no estadio do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para calzar as zapatillas deportivas e botar a correr.

Ao contrario do que ocorreu na carreira feminina previa, a protagonizada polos homes non foi unha carreira de intercepcións, senón que ese gran grupo de ciclistas foi rompendo a medida que consumían quilómetros para ir definindo a clasificación. Baxter, Serrat e o suízo Max Studer tomaron axiña a dianteira para postularse enseguida ao podio, como finalmente acabou ocorrendo.

Os tres triatletas marcaron un ritmo implacable que ninguén foi capaz de seguir e os dous españois gardaron forzas para a última volta. Foi á altura da Praza da Leña, na última volta, cando o Baxter lanzou o seu último e definitivo ataque, sendo seguido en parte por un Serrat que tampouco foi quen de alcanzalo. Con vantaxe suficiente e as dúas primeiras prazas no seu peto, a recta final para encarar a meta do CGTD foi un auténtico baño de masas no que os triatletas nacionais foron vitoreados por unha entregada bancada que gozou en directo dunha nova vitoria española nunha proba mundial na cidade do Lérez.

O éxito español foi enorme, pois ata cinco triatletas nacionais acabaron entre os dez primeiros tempos. Genis Grau foi quinto, Jordi García oitavo e Antonio Benito décimo.

 A quenda das mozas

As máis madrugadores da xornada foron as mozas. Ás 10.15 horas lanzábanse á auga do Lérez as integrantes de proba elite feminina, unha carreira de maiores alternativas e intercepcións.

O sector ciclista contou con cinco deportistas escapadas que conseguiron abrir unha fenda de máis de 40 segundos co pelotón perseguidor. Waugh e Alden (Reino Unido), Vermeylen (Bélxica), MeiBner (Alemaña) e Gautier (Francia) non conseguiron unha vantaxe suficiente como para entrar en zona de medallas e víronse superadas no sector final pola enteireza e gran ritmo a pé da veterana checa Petra Kurikova, primeira, a alemá Lisa Tertsch, segunda, e a francesa Sandra Dodet.

En canto ás españolas, o mellor resultado foi o obtido por Noelia Juan, quen cruzou a liña de meta na sexta praza a 40 segundos da cabeza.