Prosiguen os diálogos nas rúas de Pontevedra en «En3Vistas»

PONTEVEDRA CIUDAD

Basilio Bello.

Ao longo da semana, doce persoeiros da cultura conversarán en distintos puntos do casco urbano

19 jul 2022 . Actualizado a las 10:36 h.

Co obxectivo de «visibilizar a normalidade do uso diario do galego a través de conversas con persoeiros de distintos ámbitos», este luns comeza a terceira edición do programa En3Vistas que impulsa a Concellaría de Normalización Lingüística de Pontevedra. Os dous primeiros invitados que dialogarán coa xornalista Susana Pedreira no Campiño de Santa María son os músicos Sés e Baiuca.

Xa o martes, tocaralle a quenda a Antía Otero e Dores Tembrás, ambas de Apiario, xunto con Ledicia Costas no cruzamento das rúas Peregrina e Daniel de la Sota, mentres que o mércores o protagonismo recaerá en Elena Ferro, titular da marca Eferro, e Jordí López, de Aí Falaches, na Ponte do Burgo. Pola súa banda, o 21 de xullo e nos Xardíns do Doutor Marescot estarán o científico e investigador Ángel Carracedo e a escritora e artista Loli Beloso.

A edición deste 2022 de En3Vistas rematará o venres, 22 de xullo, coa participación de tres coñecidos redeiros en Santa Clara: Nee Barros (@neeumatiko), María Rúa Rodríguez (@pradorua) e Eric do Pazo (@unrapatransquilo).

O día a día

Tal e como destacou Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística, aínda que «a lingua estará presente no programa, do que se trata é de coñecer o día a día destas persoas que dignifican o uso da lingua galega» a través dunha serie de diálogos que serán moderados por Susana Pedreira. De feito, esta iniciativa aposta por unha fusión de formatos, pola fusión de entrevista e diálogo a partir das 20 horas.

De igual modo, o feito de escoller os distintos espazos públicos de Pontevedra onde se celebrarán estas conversas non é anecdótica, senón que ten unha clara intención de amosar «a recuperación que se ten feito dos distintos lugares da cidade», destacaron dende o Concello.

En canto as temáticas que se abordarán nesta edición, e á vista dos persoeiros invitados, estas se circunscribirán a uns ámbitos moi concretos, como son a música, a literatura, o eido empresarial, a ciencia e a creatividade dixital. Proba da importancia que teñen as novas tecnoloxías nesta proposta cultural é o feito de que as conversas poderán seguirse en director a través da canle de Facebook de @pontevedrate, mentres que posteriormente estarán dispoñibles en Youtube (ponte.gal/en3vistas).