Surfeando en Pontevedra as ondas musicais do Lérez

Alfredo López Penide
López PEnide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Terbutalina porá esta noite o broche ao Surfing the Lérez, un festival que regresou a Pontevedra tras unha ausencia de dous anos polo covid

27 jun 2022 . Actualizado a las 10:26 h.

«Sen dúbida, esta será a cita que abra o verán de Pontevedra. Foron dous anos moi duros e moi longos estes últimos... na saúde, no sociedade, no sector cultural… Volve o Surfing, a décima edición xa, oito anos xa na beira do río». Con estas palabras, a concelleira de Festas de Pontevedra, Carme da Silva, deu a benvida ao festival Surfing the Lérez que arrincou o pasado xoves e rematará esta noite co concerto de Terbutalina a partires das 23.30 horas.

«É un festival que de forma moi valente apostou por ser un festival de día —engadiu a concelleira—, orientado a todos os públicos, cunha compoñente infantil e dirixida ao público familiar moi importante e, ademais, que seguirá a ser de balde. Unha romaría á que poder ir comer, beber, bailar, falar, cantar e, desta vez, con ese contacto coa música en directo e coas persoas que nos acompañarán nesta cita».

O cartel desta edición está composto en exclusiva por grupos galegos, mais pon o foco tamén sobre a escena pontevedresa local. Deste xeito, en no caso do Escenario Bonobo, están programadas as actuacións do seu alumnado dende o medio día, así como as de Thom Archi (21 horas), Ariezzz (21.50 h.), Thom e Marinha DJ (22.50 h.) e DJ Dinero (23.50 h.). Pola súa banda no Vibra Mahou poderá gozarse coas actuacións confirmadas de Playa Desmayo (13 h.), Familia Caamagno (14.45 h.), Kings of the Beach (16.35 h.), Berto (18.25 h.), Cora Velasco (20.25 h.) e The Rapants (22.30 h.).

No terceiro dos escenarios, no Deleite, os concertos arrancará ás 12.15 horas con Copa Turbo, mentres que o de Boyanka Kostova programouse ás 13.45 horas para seguir con Carlota Crey (15.45 h.), Queco Lago (17.35 h.), Elephants and Paw (19.25 h.), Grande Amore (21.20 h.) e o gran final de festa con Terbutalina.

De igual xeito, ademais destes concertos, desenvolveranse obradoiros infantís, actividades de memoria e xogos, así como habilitaranse postos de gastronomía impulsados por hostaleiros locais. No caso dos obradoiros infantís, en principio, serán tres: Plant your Future (12 horas), Xogos Paporrubio (12.30 h.) e A Illa sen Tesouro (18.30 h.).

Ao igual que en edicións precedentes, aínda que a entrada ao festival que se desenvolve na Illa das Esculturas é de balde, existe unha colaboración de recollida de alimentos con Rede Axuda. Deste xeito, prégase doar algún tipo de alimento non perecedoiro ao entrar no recinto. Dende a organización destacaron o feito que, despois de dous anos sen poder celebrarse por mor da pandemia e das restricións sanitarias para deter o avance da Covid-19, esta cita volve con ánimos renovados: «É un Surfing que nace en Pontevedra, coa súa creatividade, é que aposta por darlle voz e escenario a músicos e grupos da cidade. Desde os 3 anos até onde sexa. O escenario infantil será algo marabilloso», concluíu Carme da Silva na presentación do mesmo.