Enerxía necesaria

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

PONTEVEDRA CIUDAD

M.MORALEJO

12 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Sen combustible non funcionan os motores. Sen vento non traballan as velas. Emociona ver estes días esas riadas de mozos e mozas nas portas das facultades agardando que os chamen para pasar as probas da selectividade. Agora chámanse ABAU: probas de acceso para acceder aos estudos universitarios. Lembro cando nos tocou a nós, en xuño de 1968. Lembro aquela noite sen pegar ollo, nunha pensión ao lado da actual Facultade de Xeografía e Historia, daquela Filosofía e Letras, e a Berenguela a badalaer sen descanso: as horas, as medias, os cuartos, co seu bronce profundo e misterioso. Nós viñamos de Pontevedra; Santiago era un pozo de néboa e a Berenguela non paraba de tocar.

Estes días era imposible aparcar no campus. Emocionaba ver aos pais e as nais dentro dos coches, agardando que os mozos saísen de facer a proba, e os profesores de Bacharelato pendentes dos resultados, responsables da formación do alumnado durante todos estes anos. O derradeiro repaso antes de entrar, os apuntes gastados de tanto volver a eles, as recomendacións de última hora, algún ataque de ansiedade… Entramos noutra dimensión. Alá queda o tempo da infancia e a primeira adolescencia. Nalgúns casos alá queda mesmo o domicilio familiar. A partir de agora todo empeza a ser diferente. A partir de agora hai que empezar a tomar decisións.

Nalgún outro lugar definín esta etapa da vida como o tempo da «autodeterminación persoal». Ata agora, os pais e as nais, o espazo da familia era a principal referencia. Na familia estaban todas as respostas, ás veces non poucos conflitos, mais tamén as seguridades. A partir de agora, os paxariños brincan fóra do niño e empezan a voar (e a decidir) pola súa conta. Certo que na sementeira da contorna familiar afincan moitos dos alicerces do futuro, mais as decisións empezan a ser súas, incluso para non concordar necesariamente cos proxenitores. Iso é o que eu chamo «autodeterminación persoal»: cando a persoa empeza a deseñar o seu rumbo, ás veces cheo de inseguridades e contradicións, pero o seu rumbo, un horizonte propio.