Pontevedra, primeira parada da nova temporada da xira polos teatros galegos de «Malo Será!»

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Xosé A. Touriñán, un dos cómicos de «Malo Será!»
Xosé A. Touriñán, un dos cómicos de «Malo Será!» Aigi Boga

Rocío Romero será a invitada o vindeiro domingo nun espectáculo con Xosé A. Touriñán, Lucía Veiga, Evaristo Calvo, Josito Porto, Marita Martínez e Paula Pier

30 may 2022 . Actualizado a las 19:54 h.

O espectáculo Malo Será! regresa este domingo aos teatros galegos, sendo a súa primeira parada o auditorio de Afundación de Pontevedra. Xosé A. Touriñán, Lucía Veiga, Evaristo Calvo, Josito Porto, Marita Martínez e Paula Pier protagonizarán os distintos sketchs desta primeira función da temporada.

A este elenco, e co obxectivo de promocionar o talento novo, en cada sesión participará unha actriz ou actor local. No caso da cidade do Lérez, Rocío Romero dará vida a diferentes personaxes sobre o escenario.

Ademais, os cómicos contarán co apoio dunha banda que interpretará a música en directo e un impresionante decorado cunha pantalla xigante para recrear as situacións máis delirantes. En total, segundo destacan dende Ainé Producións, Malo Será! conta cun equipo de máis de sesenta persoas traballando nos teatros para poder levar adiante este espectáculo que será gravado en directo para a súa posterior emisión na Televisión de Galicia.

As entradas para asistir á cita de Afundación en Pontevedra (20.30 horas) están xa dispoñibles en Ataquilla.com a un prezo de doce euros máis gastos. As datas posteriores desta xira levará o espectáculo ata Rianxo (19 de xuño), Vigo (25), Ourense (9 de xullo), Lugo (17) e A Coruña (23).