A proba ciclista da final das series mundiais de triatlón percorrerá a contorna da ría de Pontevedra

La Voz PONTEVEDRA LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Reunión do comité organizador das Series Mundiais de Triatlón, que vanse celebrar en Pontevedra no ano 2023
Reunión do comité organizador das Series Mundiais de Triatlón, que vanse celebrar en Pontevedra no ano 2023 CONCELLO DE PONTEVEDRA

A Federación Internacional ten que aprobar o circuito, que será testeado na proba da Copa do Mundo prevista para 24 de xullo deste ano  

01 jun 2022 . Actualizado a las 21:42 h.

A Gran Final das Series Mundiais do Triatlón que acontecerá no ano 2023 na cidade de Pontevedra está destinada a ser un dos eventos deportivos máis grandes de todo o Estado. Tal é a expectación e o traballo que implicará, que este luns, no Concello de Pontevedra, constituíuse o Comité Organizador que tamén xestionará a realización da Copa do Mundo de Triatlón programada para este verán, o 24 de xullo.

Tal e como xa foi sinalado noutras ocasións, alén da importancia que ten esta Copa do Mundo, na práctica servirá como un laboratorio de probas de cara a esa Gran Final das Series Mundiais, un evento no que testear o novo circuíto, xestado para gañar en visibilidade, tento en conta que a cita do 2023 será emitida a todo o mundo a través da televisión.

Nese sentido, o CGTD funcionará como base de operacións, situándose a proba de natación na Ponte dos Tirantes e, como novidade, será proposto á Federación Internacional un sector ciclista máis técnico na contorna da ría. A carreira a pé será a mesma que a habilitada nas probas do ITU Multisport de 2019, atravesando o centro histórico.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que o Comité Organizador estará presidido polo presidente da Federación Española de Triatlón, Jorge García, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, representado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o presidente da Federación Galega de Triatlón, o presidente do Consello Superior de Deportes e el mesmo, como rexedor da Boa Vila. Tamén haberá un comité executivo, en delegación do comité organizador, que terá un carácter máis técnico.

«Estivemos vendo datas, conversando e tratando diversos asuntos nesta reunión, aínda que o único que está realmente pechado e esa data, a do 24 de xullo, o día que celebraremos a Copa do Mundo. Aprobamos, iso si, o percorrido das competicións elite, un circuíto que se probará xa neste 2022», explicou o alcalde, que tamén lembrou a importancia capital destes dous eventos, focalizando máis o segundo, ao poder, segundo as previsións, traer até a cidade a máis de 15.000 persoas entre deportistas, equipos deportivos e espectadores.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, lembrou que por parte da Xunta é importante «felicitarnos» por ter a capacidade «de unirnos as tres administracións públicas e apostar por un evento deportivo desta clase». «Pontevedra xa organizou moitras probas no ámbito do triatlón, e esta Copa do Mundo do 2022 será un valioso test para as finais das Series Mundiais.Pontevedra e Galicia están preparadas para acollelo, e debemos sinalar o traballo realizado polo CGTD ao longo destes anos, sendo un dos eixos principais nestas citas».

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, salientou o compromiso e o «traballo conxunto» entre as tres administracións participantes no comité, Xunta, Concello e institución provincial, para apoiar tanto a Copa do Mundo de Triatlón deste ano como a final das Series Mundiais, «o evento internacional máis importante que se vai desenvolver no Estado español no 2023». Neste senso, apuntou a necesidade de sumar máis administracións e ao sector privado «porque estes grandes eventos deportivos atraen a miles de persoas a esta provincia, xa que aínda que se desenvolven na cidade de Pontevedra van ter impacto en toda a contorna».

Carmela Silva cualificou á Pontevedra como «a capital do triatlón» e destacou que se seguirá traballando para consolidar a capacidade da cidade, da provincia e de Galicia para «atraer estes eventos de grandísimo nivel».

«Queremos que o deporte sirva para ensinar a cidade e que fagamos un circuíto que sexa o suficientemente técnico e sexa o suficientemente atractivo para os deportistas e os espectadores», explicou Jorge García, presidente da Federación Española de Triatlón.