Un tesouro de máis de trescentos anos revela en Pontevedra as súas sonoridades

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

CAPOTILLO

Daniel Sanmartín interpretará esta tarde o órgano nun concerto no convento de Santa Clara

17 may 2022 . Actualizado a las 09:18 h.

Coincidindo coa conmemoración das Letras Galegas, o ciclo municipal Híbridas en Santa Clara programou unha cita moi especial na que terá un especial protagonista un dos tesouros do convento pontevedrés: o seu órgano. «É un dos únicos tres órganos que hai na cidade de Pontevedra (...), pero este é o único que, como concepción construtiva, é do barroco ibérico. Trátase dun instrumento construído, máis ou menos, a finais do século XVIII, mentres que os outros dous que temos son moito máis modernos, do século XX», precisou o pianista Daniel Sanmartín aludindo aos que se atopan na basílica de Santa María e no santuario da Peregrina.

«As posibilidades que ofrece este instrumento para interpretar un certo tipo de repertorio son únicas, ademais de que en toda a provincia instrumentos deste tipo son extremadamente raros. Atopamos agora mesmo só un utilizable na catedral de Tui», engadiu recoñecendo que o estado de conservación do que soará esta tarde non é a mellor. A este respecto, o músico pontevedrés, tras apuntar que se trata de instrumentos delicados, estimou nun 20 % a potencialidade do órgano de Santa Clara, pois «moitos dos xogos non se poden utilizar e a nivel mecánico, as condicións do instrumento son bastante deficientes (...). Facer un concerto no que se vexan as posibilidades todas do órgano ibérico, onde se fagan soar todos os rexistros, iso non é posible».

Ante tales hándicaps, aos que habería que engadir o feito de que a afinación «está mal, pero o suficientemente ben como para facer un concerto cunhas certas garantías», optouse por un programa con pezas de Mozart, Andrea Luchesi e Philip Glass, «un repertorio todo para orquestra de corda e só dúas trompas». A inclusión deste último compositor débese a un dobre motivo: por unha banda, o feito de que «frecuentemente ven sendo afrontado, en forma de arranxamento, polos organistas» porque as obras dun dos consideramos como fundadores do minimalismo «funcionan moi ben» e, por outra, «por ofrecer un repertorio variado. Moitas veces a imaxe mental que o gran público ten do órgano é a do gran instrumento que acompaña ao canto litúrxico, mentres que o público un pouquiño máis formado imaxinase o órgano de Bach. E o órgano é iso, pero non só iso».

Sanmartín recoñeceu que temía que Pontevedra quede sen este órgano, polo que apostou decididamente pola súa rehabilitación tratándose, ademais, dun órgano de dimensións relativamente pequenas incidindo en que un dos problemas que presenta é consecuencia das intervencións que sufriu ao longo dos anos porque «atopamos rexistros, conxuntos de tubos co mesmo timbre, que nin sequera existían na concepción do séculos XVIII cando o órgano foi construído. Foron engadidos posteriormente porque se, dalgún xeito, modernizar o instrumento». «Este tipo de obxectos artísticos ou históricos está claro que sempre son recuperables», concluíu.