Pontevedra, protagonista do novo videoclip de Tanxugueiras

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

ROCIO CIBES

Pano Corado é unha chiscadela «ás persoas LGTBQI+ e ás que non se senten aceptadas por ver ou entender o amor desde unha perspectiva diferente á heteronormativa»

13 may 2022 . Actualizado a las 20:09 h.

Este mesmo venres, Tanxugueiras lanzou o seu novo sinxelo, Pano Corado, «un himno no que as cantareiras reivindican o amor libre e a diversidade». Este tema formará parte do seu terceiro disco e  xa está dispoñible en todas as plataformas dixitais, así como pode visionarse o seu videoclip en YouTube.

Con Pano Corado «queremos normalizar o amor e a vida. Queremos derrubar barreiras. Que cadaquén se sinta libre de amar a quen queira, que cadaquén goce do amor, da vida, de si mesma, da súa sexualidade ou da súa identidade como queira», apuntan as pandeireteiras, autoras do tema que co-producen xunto a Iago Pico, de Pouland Studios.

Nestre traballo as pandeireteiras volven a apostar por manter os elementos tradicionais, de tal xeito que a canción alude ao pano, «unha das pezas centrais do traxe tradicional, é o protagonista, transformado nesta ocasión nun pano con todas as cores», precisaron dende PlayPlan Cultural. «Arróupame arquiño vello / arróupame arco corado / rebenta as vellas cadeas dos amores presidiarios», claman Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro no seu novo tema, unha rumba na que queren facer unha chiscadela «ás persoas LGTBQI+ e ás que non se senten aceptadas por ver ou entender o amor desde unha perspectiva diferente á heteronormativa».