Kris K-DJ: «Ves os carteis dos festivais e hai machismo»

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Martina Miser

A vilagarciana ten programada unha pinchada de mulleres en galego no marco do Galegote Rock

29 abr 2022 . Actualizado a las 18:12 h.

Tras dous anos de asusencia, a décima edición do Galegote Rock arrancou onte a súa andaina en Pontevedra: «Este festival representa moito. Dende o meu punto de vista como DJ que aposta polas pinchadas en galego e de mulleres galegas, que haxa un evento que sexa todo de grupos galegos é moi importante. Sempre digo que as administracións que, por así dicilo, soltan pasta ao festivais de Galicia tiñan que esixirlles que contrataran grupos en galego», remarca Kris K-DJ, alter ego da vilagarciana Cristina López, quen protagonizará unha pinchada de mulleres en galego este sábado a partir das tres da tarde na praza de Celso García de la Riega.

—E complicado atopar material para facer unha pinchada de mulleres en galego?

—Non é complicado. Coñezo xente que tamén pincha algo en galego e parécelles moi complicado, pero eu son moi inqueda, encántame ir a concertos, buscar música, atopar cousas novas e tamén son feminista. Coa efervescencia que hai de mulleres galegas que están exportando a nosa música fora de Galicia, e non falo só de Tanxugueiras, que xa Mercedes Peón era unha eminencia ou Sés... Os artistas que máis aceptación teñen cantando galego fora de Galicia son mulleres. A canteira é grandísima. Ademais de que é xente moi reivindicativa e con estilos musicais moi variados. Nos festivais aposto por meter, aínda que non sexa todo en galego, temas na nosa lingua. Hai temazos e a xente responde moi ben. Por iso, dígolle á xente que, cando vaia aos locais, pida música en galego. Se non o facemos nós, quen nos vai axudar.

—Existe aínda machismo na industria musical ou é simplemente descoñecemento?

—Eu vivín o machismo porque empecei hai moitos anos. Agora hai xente que di que xa non o hai, pero eu penso que o segue a haber. Á hora de pagar, estamos un pouquiño máis devaluadas. E é habitual escoitar «oh! Unha muller!» ou «está unha rubia pinchando»... A xente segue a estrañarse a pesar de que agora si que hai bastantes mulleres pinchando en Galicia. Non somos moitas, moitísimas, pero hai, aínda que a maioría están coa electrónica. Mellorar, mellorou moito a cousa, pero aínda queda. E isa é miña loita, tamén. En canto as cantantes e os grupos, agora xa non tanto, pero tamén hai machismo. Ves os carteis dos festivais e quedate claro que o hai. No Galegote, por exemplo, boto de menos algunha muller máis. Penso que podería haber máis mulleres.

—Poderíamos dicir iso de que o camiño faise pasiño a pasiño?

—Efectivamente. Eu empecei poñendo música en galego, daba igual o xénero. É certo que dende sempre estou comprometida con que nas pinchadas sexan ao 50 %, que, sexa o estilo que sexa, haxa mulleres sempre. E co galego pásame un pouco o mesmo. En Galicia son as mulleres as que o están dando todo, as que están arriscando e as que están levando a nosa música polo mundo.

—Imaxino que este espírito estará presente na pinchada do sábado.

—A verdade é que non sei como vai ser. Eu acostumo ir aos concertos, son asidua porque penso que para ser DJ tamén hai que escoitar música en directo, que é pola que aposto moitísimo. Creo que nos imos a atopar un ambiente moi amigable, moi cordial e a xente vai responder ben. Realmente, como ninguén fai pinchadas en galego, seguro que van a responder ben.