As risas e a violación

Francisco Castro
Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR

PONTEVEDRA CIUDAD

RAMON LEIRO

23 mar 2022 . Actualizado a las 00:23 h.

O Ministerio do Interior cesou fulminantemente á comisaria xefa de Pontevedra, Estíbaliz Palma, por soltar, nun acto de homenaxe a un compañeiro que se xubilaba, a frase, letal e vergoñenta, que xa todos e todas vimos reproducida por todas partes: «Ya les gustaría a algunas que las violase un antidisturbios». A sentenza (porque é unha sentenza; é unha lápida, en realidade) non pode ser máis patriarcal. Detrás da mesma está esa idea de que unha muller, para sentir como muller de verdade, ten que ser tratada brutalmente, con violencia. Por iso a imaxe do antidisturbios, a quen non maxinamos baixando gatiños das árbores. Non é esa a súa función. Son a man máis dura do Estado cando hai que mallar en quen o Estado considere que hai que mallar.

Non hai moito novo que dicir sobre a burrada da xa, por sorte, excomisaria. Pero si quero chamar a atención sobre as risas que se escoitan logo dela dicir a babecada. Unha boa cantidade de risas, masculinas case que todas, pero de certo que habería algunha señora policía. Risas francas, automáticas, espontáneas. A comisaria di que xa lles prestaría que as violasen antidisturbios e acto seguido risas, ha ha ha, que simpática a señora comisaria. Maxínoos a todos, a todas, materializando isto que o feminismo chama «fratría masculina», o grupo de iguais, os machirulos uns con outros gozando de seren machotes. Sen embargo, así como rematan as risas, outras voces, tamén masculinas, berran, alteradas, «¡corta eso!, ¡corta eso!». Non berran dicindo, por exemplo, «señora comisaria, iso é unha parvada». Ou, «señora comisaria, é vostede indigna dese uniforme, que a policía está para coidar da xente, non para falar neses termos». O que se di é que se corte. O audio. A imaxe. O que sexa. Unha cousa é que riamos coma machotes. Outra cousa é que se saiba que rimos como machotes.

As risas do audio manifestan parte do problema que impide que consigamos abordar de vez o asunto do maltrato e do terrorismo machista. Hai demasiada xente, demasiada, que considera que a violencia, no fondo, non é para tanto. Salvando as distancias, por suposto, pero é o mesmo que cando Queipo de Llano, aquel franquista, vomitaba dende Radio Sevilla (fixo máis de 200 alocucións) mensaxes de odio contra as mulleres republicanas, pedíndolle aos soldados nacionais que as violasen. Cito textualmente: «Nuestros valientes legionarios y regulares han enseñado a los cobardes de los rojos lo que significa ser hombre. Y, de paso, también a las mujeres. Después de todo, estas comunistas y anarquistas se lo merecen, ¿no han estado jugando al amor libre? Ahora por lo menos sabrán lo que son hombres de verdad y no milicianos maricas. No se van a librar por mucho que forcejeen y pataleen».

Queipo de Llano, como a excomisaria, non vía tan grave iso da violación. Porque do que se trata é de que «coñezan un home de verdade». Queipo de Llano, por certo, segue enterrado na basílica da Macarena de Sevilla.