O Día Internacional da Narración Oral celébrase no convento de Santa Clara e o Pazo da Cultura

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

UNED

O Festival Atlántica anuncia, de igual xeito, actividades este domingo en Marín e Portonovo (Sanxenxo)

16 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro domingo, 20 de marzo, celebrarase o Día Internacional da Narración Oral, unha das citas do calendario do Festival Atlántica, que na súa décima edición desenvolverase en verán. Deste xeito, unha trintena de espectáculos vanse celebrar en múltiples puntos de Galicia grazas, entre outros, á colaboración do Festival Sete Falares de Pontevedra, aínda que tamén programáronse citas en Marín e Portonovo (Sanxenxo).

No caso da Boa Vila, foi a concelleira de Festas, Carme da Silva, quen presentou o programa preparado polo Concello co obxectivo de por «en valor as historias, o xeito de contalas e o interese que esperta na xente que as escoita». Este ano, ademais coa novidade de contar cun espazo singular para desenvolver as actividades: «O mellor sitio para contar historias é un espazo cheo de historia como é o convento de Santa Clara. Un espazo que se une e que se abre para a toda a cidade e que logra ser o escenario ideal por conter 750 anos de historia e historias. É un lugar que cada día trae novas sorpresas, con cada visita que se realiza; e por iso que, desta vez, queremos ser nós quen lle achegue unha sorpresa á Santa Clara».

Nesta ocasión, o programa, creado en colaboración con Sete Falares, estará dividido en dúas partes temáticas distintas. Dunha banda e para un público familiar, o Roteiro de Contos no Salón do Libro, cita que terá como protagonistas a Bea Campos, Pavís Pavós, Polo Correo do Vento e Raquel Queizás, no Pazo da Cultura (11.30 horas). Por outra, e para un público adulto, Candido Pazó e Quico Cadaval serán os que relaten contos e historias desde a igrexa de Santa Clara (19.30 horas).

As actividades son de balde, aínda que, a diferenza do Roteiro, no caso do convento a concelleira fixo fincapé na necesidade da inscrición prevista na web https://apuntate.pontevedra.gal. O aforo está limitado a 150 persoas, polo que é preciso este paso para evitar posíbeis problemas na entrada ou incumprir as medidas sanitarias.

«Un país que perde os seus narradores perde a súa infancia... Nós cremos que un país que perde os seus narradores perde a súa historia», engadiu Xacobe Rodríguez, de Pavís Pavós.