O Salón do Libro abre as súas portas a 17 días con 300 actos programados

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro

Hoxe está prevista a representación polo décimo aniversario de «Fíos»

14 mar 2022 . Actualizado a las 12:49 h.

O espectáculo Salón de marabillas salvaxes deseñado para a ocasión por AldaoLado —Lucía Aldao e María Lado— e coa participación do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, o Coro da Xunqueira, o Ballet de Galicia, e Alba Troiteiro, Isaak Aranberri e Andrea García, serviu este venres para levantar o telón a unha nova edición, a número vinte e tres, do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que este ano se desenvolve baixo o lema de Con moita arte! Ao longo de dezasete días —o salón pechará as súas portas o 27 de marzo— están programadas máis de trescentas actividades pensadas para todo tipo de públicos.

Deste xeito, retomarase a presencialidade no Pazo da Cultura despois de que o coronavirus condicionase a celebración do Salón nas dúas anteriores edicións, xa que a do 2020 tivo que suspenderse aos seis días da inauguración e a do ano pasado primou os contidos virtuais cunha importante redución de aforos. Deste xeito, na programación deste 2022 teñen cabida dende a conmemoración do décimo aniversario do espectáculo Fíos de Baobab Teatro, concertos como o de Uxía Lambona e a Banda Molona, presentacións como a de 30 Anos cantando con Migallas ou a homenaxe a Xosé Cobas e Marica Campo. Ademais, este ano tamén é especial polo feito de que Julia Lago, Premio Castelao de Banda Deseñada, foi a artista seleccionada para a primeira edición das Residencias Artísticas do Salón.

De igual modo, tampouco faltarán a súa cita a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, que habilitará unha mostra permanente que poderá ser visitada en calquera intre, así como desenvolverán «varias sesións do obradoiro tecnolóxico Artellando con videoxogos, unha visita guiada por toda a mostra que ampliará os coñecementos das participantes ao mesmo tempo que xogan e obteñen unha visión diferente do que son os videoxogos».

Nesta ocasión, a cultura convidada é Euskal Herría, de tal xeito que, ao longo do Salón, haberá diferentes intervencións, como as de Txabi Arnal, que participará no Congreso Internacional de Mediación Lectora e dirixirá un obradoiro de escrita para a rapazada, mentres que Concha Pasamar presentará unha obra editada por Triqueta Verde simultaneamente en galego, euskera e castelán, nomes aos que se sumarán os de Ana Apika, María Zarate ou Titeres Babaluva.

Dende o Concello de Pontevedra destacaron o feito de que o Salón «cotará tamén cunha liburutegia [biblioteca) con máis de cen libros de literatura infantil e xuvenil en euskera, con especial foco no catálogos das editoras galegas que editan, ademais de galego, en lingua euscalduna: Kalandraka, 000 e Triqueta Verde».

Programa de hoxe

En canto á programación deste sábado, o Pazo da Cultura abrirá as portas ás 11 da mañá, de tal xeito que, apenas un cuarto de hora máis tarde, a Asociación Paspallás desenvolverá o obradoiro Factoría de creación, e Leucoíña Pasea e Bea Mazaira dirixirán o taller Videoclip do Salón: cantARTE!

Outras citas desta xornada son a sesión de Os contos de Candelaria, a bibliotecaria estrafalaria a cargo Cris de Caldas e Xabi do Camiño; o obradoiro gastronómico A arte de cociñar por ReviraVolta; a sesión de contos e música para bebés Kenka un Kenko, de Cris de Caldas e Xabi do Camiño; ou a representación especial polo seu décimo aniversario de Fíos, de Baobab Teatro. Ademais, o Salón sairá á rúa co Rodalibros, que recalará en Monte Porreiro e Lérez, ou cun roteiro familiar pola cidade.