María Alborés: A boirense que está conquistando a moda belga

L. Veiga RIBEIRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

cedida

Ademais de estudar na academia de belas artes de Anveres, presenta os seus deseños en Pontevedra

19 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata que remate o mes de xaneiro, o Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá unha exposición de moda con deseños innovadores. Por se fora pouco, alén de ter tres vestimentas nesta mostra, María Alborés (Boiro, 1998) tamén é a única española entre os catro cursos de moda da Real Academia de Belas Artes de Anveres (Bélxica).

Todo comezou entre as teas da súa avoa materna, que sempre foi especialmente boa coa costura. Aínda que só aprendía as puntadas básicas, tanto a man como cunha máquina de pedal antiga, eran suficientes para facerlle vestidos ás súas bonecas.

Este contacto bastou para espertar o interese da boirense que, durante os veráns dos anos nos que cursaba o bacharelato, decidiu aproveitar para acudir a unha academia de corte e confección na súa localidade natal: «Só quería ter algo que facer neses meses, aínda que non soubera para que me ía servir. Cando chegou a selectividade e o momento de escoller carreira, pensei en Economía ou Maxisterio, pero decidín arriscar».

Ao buscar entre os programas das diferentes universidades que ofertaban a formación que a ela lle interesaba, atopou a Escola de Belas Artes de Pontevedra, da Universidade de Vigo. «Aí foi onde me enganchei ao deseño creativo e experimental», di ilusionada Alborés.

Actual e vangardista

O último ano do seu grao, a artista marchou a Londres durante catro meses para realizar as súas prácticas co deseñador coreano Eudum Choi. Segundo as súas propias palabras, esta experiencia foi como «unha ventá que me abriu os ollos. Fíxome madurar e ver un mundo con outra cultura, diferentes costumes e mesmo o idioma. Quen me ía dicir a min hai anos que o inglés ía ser imprescindible na miña vida».

Á volta desa viaxe de estudos e traballo, Alborés tiña un ano enteiro para enfocarse no seu proxecto final. Non obstante, en marzo irrompe a pandemia e é durante o confinamento cando a artista atopa a inspiración para os bosquexos que agora están materializados e á vista do público en Pontevedra. «É unha colección de nove deseños en total e comezou sendo unha oda aos insectos. Non obstante, a medida que fun investigando sobre o tema, atopeime coa figura do escritor William S. Burroughs, que ten moi presente a masacre destes animais e o exterminio ao que son sometidos. Todos os tecidos están tratados con cera de abella virxe e as pezas da cabeza, que están feitas con fibra de vidro, teñen insectos incrustados dos que eu atopaba xa mortos cando saía a pasear co meu can durante os primeiros meses co covid».

Neste sentido, a artista salienta o proceso de investigación e de experimentación que leva a cabo no seu labor, que non se limita só ao deseño. Foron estes mesmos motivos os que levaron ao tribunal que xulgou a súa colección a darlle unha mención de honra, considerándoa «moi actual e vangardista».

Internacional

Dende setembro, Alborés comezou a estudar na cidade de Anveres, nun programa moi esixente, pero que tamén lle dá moitas alegrías. «Está considerada unha das tres mellores escolas de deseño do mundo, pero o máis importante é que é pública. Para entrar tes que pasar unhas probas de acceso e unhas entrevistas». Parte da selección consistía nun exame onde deben elaborar un deseño partindo de cero en pouco máis de oito horas.

Alén dos seus traballos e clases, tamén está sendo unha experiencia enriquecedora que comparte con persoas que proveñen de diversas partes do globo: Francia, Alemaña, China, Corea, Xapón... «É moi gracioso, porque nas tarxetas da escola a xente ten cidades como París ou Amsterdam. Na miña pon Boiro! Non só son a única española do programa, tamén a única galega!», di entre risas a deseñadora.

Para ela, todas as persoas coas que comparte estudos son a mellor parte do que está vivindo nestes momentos: «Temos a mesma idade, intereses comúns e aprendemos moito os uns dos outros, non só no marco do programa de moda. Agora nestas datas vexo costumes de Nadal moi diferentes dos que temos nós. Por exemplo, aquí en Bélxica ou en Holanda non vén Papá Noel. É San Nicolás, que trae chocolate de España. A eles parécelles moi chocante o feito de que nós comamos unha ducia de uvas o día de fin de ano».