Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

A toga e a soga

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

PONTEVEDRA CIUDAD

CARMELA QUEIJEIRO

26 nov 2021 . Actualizado a las 09:10 h.

É o problema de xeneralizar, como fixo o Colectivo Feminista de Pontevedra co seu lema do pasado 25-N: «A nosa soga é unha toga». Certo que todas entendemos o sentido do eslogan: o patriarcado vertido sobre un sistema xudicial e un aparello lexislativo que tende á culpabilización das mulleres vítimas de violencia machista, ao «algo farían», á revitimización, á contraacusación, e á falla de empatía coa dor que proliferan nas salas de vistas e os despachos de avogados e fiscais cada vez que entra pola porta unha muller violada, prostituída ou maltratada. Estar morta non significa que sobre a túa memoria tinguida de terror non se deposite toda esa porcallada en forma de xuízo sumarísimo. 

Pero o certo é que aqueles casos en que si funciona a Xustiza, a de verdade, a da decencia e a dignidade, existen porque detrás hai unha toga que non é soga, senón aperta e acubillo. Contra a estrutura patriarcal do sistema xudicial están as xuristas que, conscientes da necesidade de aplicar a perspectiva de xénero á súa lectura das leis e da realidade, loitan contra uns elementos chamados avogados defensores do maltratador, compañeiros na xudicatura, instrutores varios ou testemuñas mediatizadas, que, sendo vimbios idóneos para trenzar unha soga, rematan convertidos nos fíos violetas cos que se tece o tapiz dunha ética da dignidade das vítimas e, sobre todo, dunha nova xustiza máis consciente das súas eivas patriarcais.

A revolución feminista que salva vidas de mulleres presas no terrorismo machista non sería posíbel sen a conciencia de todas esas xuristas que, cada día, esnaquizan a soga cos puños decorados das súas togas negras. Por baixo tamén son mulleres, tamén son vítimas de moitos tipos de violencias. E, sobre todo, actúan.