Non fagas coma Nick Nolte

Diego Ameixeiras

PONTEVEDRA CIUDAD

PILAR CANICOBA

19 nov 2021 . Actualizado a las 12:36 h.

De cando en vez vénme á cabeza a imaxe de Nick Nolte en Affliction, a película de Paul Schrader. A torpeza do personaxe para expresar sentimentos, a distancia dende a que observa as emocións, mesmo cando tenta chorar e só consegue un xesto de desconcerto, sen bágoas. A descoñecida coa que compartín viaxe en tren dende Pontevedra a Santiago, sentada no outro extremo do vagón, comportouse coma o seu contrario. Con discreción, pero chorou a gusto. Cando quitou un momento a máscara para limpar o nariz, vin que as últimas bágoas remataban nun moderado sorriso. Un final feliz. Non sei se por culpa dun WhatsApp que recibiu ou porque o choro cumprira a súa función liberadora. O caso foi que ninguén tivo que dicirlle: tranquila, ti chora canto precises. Non fagas coma Nick Nolte.

Un de cada tres españois, revelounos este ano o CIS, confesou ter chorado durante os peores momentos da pandemia. Poucos me parecen: demasiada bágoa oculta hai por aí, entre as poses insoportables das redes sociais. Moitos seguimos exercendo o noso dereito ao pranto con saudable frecuencia, alén das vicisitudes de virus, erupcións volcánicas e outras traxedias indesexables. Porque iso de deitar bágoas ten, en efecto, algo liberador. Así a todo, eu evito facelo no transporte público, supoño que por falta de gallardía, pero camiñando á noitiña polos parques, cargando coas contradicións da vida e as noticias dos telexornais, teño os meus días de gloria. Queda mal presumir, pero as últimas quedáronme medio fulgurantes, a xeito de poeta romántico inglés. Todo sexa por non rematar coma o personaxe que interpreta o xigante Nick Nolte.

Nunha gravación doméstica, antes de que Camarón de la Isla empece por soleares, un home sabio presenta o xenio de San Fernando con palabras apoteóticas, ouro puro: «Canta como los gitanos que pueden decir: yo, con mi fatiga, me quedo descansao». Esa é unha das aspiracións do choro, que se exhibe no cante coma unha vitoria: asumir a pena, darlle voltas e conxurala para logo sentirnos sosegados. Non esquivala nunca, mirala en fite alá onde se nos presente. Entendín así o xeito triunfal de chorar da descoñecida do vagón. Tristura: aquí me tes, rodeada de xente nun tren con dirección á Coruña. E alí quedou, descansada, fedellando no móbil, mentres eu me baixaba en Santiago cun par de fatigas xitanas tamén en plena forma.