Unha inmersión sensorial na vida lenta do mundo rural

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro

Derradeiros días para visitar no Café Moderno a mostra «A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego»

07 ene 2022 . Actualizado a las 19:00 h.

Como se constituíu o imaxinario, a idea que temos do rural galego? A resposta podería atoparse na mostra A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego, unha exposición multidisciplinar que ata o vindeiro 15 de xaneiro pode visitarse no Café Moderno de Pontevedra. Tal e como destacou Marité Cores, coordinadora da Área de Cultura de Afundación, trátase dun «percorrido audiovisual pola realidade e a diversidade dos territorios do medio rural de Galicia dende 1930 ata finais do século pasado» que se nutre, principalmente, de tres fondos fotográficos.

Así, a mostra arranca co do Ministerio de Agricultura, que ofrecen «unha perspectiva institucional onde se amosan os avances que se producían no rural», para continuar coas fotografías do arquivo persoal de Carlos Valcarcel, que teñen unha visión «mais artística». A exposición propiamente dita remata coa colección de Jaume Lloveras e Juan Piñeiro Andión (1978-1986), «a ollada de dous técnicos e, quizais, cun enfoque máis investigador».

Pero o certo é que A vida lenta é algo máis cunha reflexión sobre os ritmos lentos que amosan estas fotografías, é unha inmersión sensorial á que contribúe a banda sonora composta por Moisés Quintás. «Está baseada en tres elementos fundamentais», explicou este último. Deste xeito, mesturou «os sons da terra, que foron cedidos polo Consello da Cultura Galega e empreguei sons de mar, de vento, de choiva... pero tamén de oficios e ferramentas que xa non se empregan, como a pedra da moa dun muíño ou un ferreiro na forxa» con alalás -«músicas moi antigas que se remontan ao canto gregoriano. Son cantigas con letras que fundamentalmente falan de amor, moi lentas e que se interpretaban nas aldeas. É un dos cantos máis ancestrais de Galicia»- e interpretados con instrumentos melódicos tradicionais do folclore galego.

E co obxectivo de reflexionar sobre a presenza da natureza na cultura contemporánea, o visitante pode recrearse cun audiovisual ou cos versos dalgúns dos gañadores do Premio de Poesía Afundación, como Olalla Cociña, Miguel Sande, Gonzalo Hermo e Oriana Méndez. Ao tempo, A vida lenta terá continuidade no mundo online con encontros e reflexións de persoas de moi diferente procedencia, caso do cineasta Oliver Laxe ou o chef Javier Olleros.

Esta iniciativa está coordinada polo tamén cineasta Aser Álvarez, quen defendeu a necesidade de facer un exercicio de memoria e de «reivindicar as nosas raíces».