Cerponzóns estrea o Marco de Pedre

La Voz PONTEVEDRA LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Inauguración do Marco da Perre, no atrio da igrexa de Cerponzóns
Inauguración do Marco da Perre, no atrio da igrexa de Cerponzóns CONCELLO DE PONTEVEDRA

Trátase dunha obra escultórica realizada polo canteiro Manuel Collazo Torres e impulsada pola Asociación de Veciños O Chedeiro

12 oct 2021 . Actualizado a las 12:03 h.

A concelleira de Turismo, Yoya Blanco, achegouse até o atrio da igrexa de Cerponzóns para inaugurar o Marco de Perre, unha obra escultórica realizada polo canteiro Manuel Collazo Torres e impulsada pola Asociación de Veciños O Chedeiro dentro dun proxecto para que os topónimos da parroquia non caian no esquecemento e poidan incorporarse ao noso patrimonio cultural. No acto tamén participaron un nutrido grupo de veciños e os concelleiros Marcos Rey, Pilar Comesaña e Martín Martínez.

A instalación deste fito ou marco (pedra cavada no chan para sinalar os lindes dun terreo ou á beira dunha estrada para indicar lugares e distancias, ou ben momentos ou feitos importantes) foi posible grazas á colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, que axudou a recuperar os antigos nomes dos lugares da parroquia.

O Marco de Perre é un proxecto que comezou hai dous anos da man do canteiro Manuel Collazo e que se enmarca nas accións desenvolvidas polo colectivo O Chedeiro para defender e dar a coñecer o patrimonio cultural de Cerponzóns, entre as que se inclúen a instalación de dous cruceiros, a realización dun documental, a edición dun libro sobre a historia da parroquia, diversas charlas impartidas durante a celebración do milenio, a colocación de unha réplica do Miliario de Maxencio, a colocación de un fito informativo ao carón do Miliario  e a colaboración coa Concellería de Turismo nun proxecto relacionado co Camiño Portugués denominado O Camiño Contado.

Deste xeito, O Chedeiro recolleu a testemuña deixada desde 1997 polo antigo cura da parroquia, Manuel Míguez, que comezaba a publicar nese ano na Voz de Rons a historia de Cerponzóns, un gran labor de investigación efectuada durante anos e que deixou unha herdanza de incalculable valor. Nun dos capítulos publicados, Míguez facía precisamente referencia a algúns nomes de pequenos lugares practicamente desaparecidos e englobados baixo denominacións máis amplas: A Cachada Vella, A Cañota, A Chan do Monte, A Cruciña de Ponte Beán, A Ponte Beán, A Ponte Pomar, Bigaixo, Cachadiña, Campo, Casa Nova de Liborei, Casás de Meán, Castelo de Cerponzóns, Cernadelo, Igrexa, Laxe de Bascuas, Liviáns, Mendo, Mogos, Mouchos de Meán, O Cimbelo, O Taral, Porrelo, Pozo de Meán, Río da Barca, Santarandán, Soutelo de Meán e Soutelo do Bravo (usándose os nomes de O Castrado, Liborei, San Caetano, Balea, A Fonteiriña, Pidre, O Vigario, O Bravo, A Costa, Meán, A Bouz, Tilve, A Rons, A Ermida e O Cunchido).