A evolución da moda durante o século XX protagoniza un curso no Museo

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

23 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A moda, e máis concretamente a evolución que experimentou ao longo do século pasado, vai ser a protagonista dun novo curso divulgativo do Museo de Pontevedra. Deste xeito, e durante tres meses, o Edificio Castelao acollerá Alegatos a medida. Indumentaria do século XX, iniciativa que «pretende facer un percorrido social, económico e cultural do século vinte en Occidente a través da evolución da vestimenta e a súa estreita relación coa arte, a música e o cinema».

Trátase dun curso que estará impartido pola profesora Carolina Munáiz e distribuirase durante dez sesións dende o 6 de outubro ata o 15 de decembro. O aforo será limitado e para participar será preciso inscribirse no correo reservas.museo@depo.gal.

O seminario posibilitará «unha crónica na que a moda é comunicadora activa das importantes avanzadas, aínda con ocasión de claros retrocesos, na consecución do estimado progreso colectivo de Occidente ao longo do convulso, fascinante tamén, século vinte», remarcou a propia Carolina Munáiz. Deste modo, o arranque do curso situarase no final do XIX e como «o mundo debe aos impresionistas un magnífico legado visual da historia da moda» desa época, engadiron dende o Museo de Pontevedra.

O percorrido continuará pola costura de principios de século, período no que «Paul Poiret, guiado por ansias vangardistas, será responsable de liberar ás mulleres do corpiño». A luminosidade dos anos vinte, a traxedia e escuridade das décadas posteriores marcadas pola Segunda Guerra Mundial e o conservadorismo dos cincuenta terminarán desembocando na alta costura, na anarquía punk e nun «panorama contracultural dos anos sesenta e setenta ou o exceso ochentero aplacado pola moda casual e individualista de fin de século».