O ciclo Amal en Ruta achegará a Pontevedra o mellor do cine árabe da actualidade

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Ghaleb Javer e Carme Fouces presentaron o ciclo Amal en Ruta
Ghaleb Javer e Carme Fouces presentaron o ciclo Amal en Ruta CONCELLO DE PONTEVEDRA

Terá lugar dende o 7 ao 11 de setembro

06 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Amal en Ruta volverá por sexto ano consecutivo a Pontevedra. O ciclo de cine euroárabe arribará no Teatro Principal dende o 7 de setembro até o 11 de setembro. Presentado onte da man da concelleira de Cultura, Carmen Fouces, e do presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Javer Martínez, buscará romper estereotipos, achegando a sociedade árabe ao país, ofrecendo unha visión ampla e multidimensional dunha cultura milenaria e erudita.

Na práctica, Amal en Ruta é un resumo da última edición da Semana de Cine Euroárabe Amal, celebrada en Santiago de Compostela, o pasado mes de outubro. Así, a escolla deste ano é representada a través de tres ficcións e dous documentais, permitindo crear un percorrido audiovisual polo mellor cine árabe da actualidade.

«Amal en Ruta é unha das citas que abre a programación cultural de outono na cidade», sinalou Fouces. «Para nós, volver contar con Amal en Ruta, é algo moi valioso. Son filmes dunha calidade magnifica, que invitan á reflexión e contan cunha temática que está de rabiosa actualidade, malia que poderíamos dicir que sempre o está. É un grande intre para ver cine árabe e comprender que está a acontecer no mundo».

Pola súa banda, Ghaleb Javer, sinalou que «durante este período, a cultura converteuse nun sinónimo de liberdade, de soños e de esperanza, mais tamén de reivindicación dun medio de traballo digno e honesto. Son tempos de remar con forza para levar este barco a bo porto».

Programa

Nesta edición, o público poderá asistir ao ciclo de xeito gratuíto, mais si existirá unha limitación e unha restrición de aforo dentro da sala do Teatro Principal. Aqueles espectadores que se acheguen poderán gozar de cinco películas que reflicten unha gran diversidade de eidos e de realidades sociais

Adam (martes 7), conta a historia de superación dunha muller na que se aprecia como a comunidade serve de escudo protector; For Sama (mércores 8), é o diario dunha moza siria que dá a luz entre o horror da guerra; It must be heaven (xoves 9), preséntase como unha cinta palestina dirixida por Elia Suleiman, un dos máximos expoñentes do cine palestino con obras cheas de retranca ao estilo galego, lembrando que a vida tamén precisa de risas para ser tal.

O documental Gaza (venres 10) retrata a vida cotiá dos cidadáns no Fronte de Gaza; e, por último, Tel Aviv on Fire (sábado-11) aparece como unha metaficción do conflito árabe israelí.