Tono Campos, Pedro Torrado e Rosalía García, reis de España do maratón curto

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

 Os padexeiros das comarcas de Arousa e de Pontevedra dominaron boa parte das finais do Nacional en Verducido

29 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Case medio milleiro de padexeiros se citaron esta fin de semana nas augas do encoro pontevedrés de Verducido no Campionato de España de Maratón Curto. Tres de cada catro, galegos. E no reparto de medallas, foi notable o protagonismo dos deportistas das comarcas do Baixo Ulla, do Salnés e de Pontevedra. Con Tono Campos probando a súa condición de mellor canoísta de fondo español facéndose co título no C1 a un mes xusto de disputar o Mundial en Pitesti, Romanía.

A superioridade do padexeiro do Breogán do Grove quedou de manifesto no seu crono de 17.17.15, sacándolle nos 3.800 metros da proba -a mesma distancia para todas as finais- nada menos que 1 minuto e 27 segundos ao subcampión, Álvaro Rodríguez (Club Madrileño Ciencias).

Igual de contundente foi o triunfo de Rosalía García de Dios no C1 Xuvenil feminino. A das Torres-Romaría Vikinga gañou en 21.36.49, con minuto e medio sobre Estrella Stegierski (E.P. Aranjuez). O seu compañeiro no club catoirense Pedro Torrado colgouse o ouro na final do C1 Cadete, con 6,99 segundos sobre Martín Expósito, do Escuela Piragüismo Ciudad de Pontevedra, prata.

Jénifer Casal, do mesmo club ca Expósito, fíxose co título no C1 Sénior feminino, Alba María Rodríguez, do C.P. Poio-Conservas Pescamar, gañou a final do C1 Cadete feminino acompañada no podio polas canteirás do Náutico Pontecesures Nerea Novo e Natalia Varela, segunda e terceira; e completou a nómina de campións pontevedreses de canoa Jaime Duro no C1 Sub-23, con máis dun minuto de vantaxe sobre o tamén padexeiro do E.P.C. Pontevedra Diego Piñeiro.

Ademais, polo Náutico Pontecesures, Carlos Gutier Picón finalizou subcampión no C1 Xuvenil, a 11,30 segundos de Daniel Grijalba, do E.P. Aranjuez, e Iria Romero foi bronce no C1 Sub-23.

Máis discretos foron os resultados na modalidade de caiac. Pola banda arousá, Tania Álvarez, do Breogán do Grove, fíxose co bronce na final do K1 Sénior feminino cun tempo de 17.37.07, con Eva Barrios (C.D. Durius-Kayak Zamora) e Irati Osa (Itxas-Gain Zumaiako Urola) disputándose ao esprint o ouro. O triunfo foi para Barrios en 17.11.17, 1.01 segundos menos ca súa rival.

No K1 Sub-23 masculino, Joaquín Iglesias e Adrián Prada déronlle a grande alegría do campionato ao club anfitrión, o C.P. Verducido-Pontillón, campión e subcampión a 2,10 segundos, respectivamente. E Antonio Palmás, do C.P. Vilaboa, foi subcampión no K1 Sénior, a 1 segundo e 74 centésimas de Adrián Martín, da E.P. Aranjuez.

No tocante á clasificación por equipos, Aranjuez foi o campión con 407 puntos, seguido do Club Piragüismo Cuenca con 239 e do Náutico Pontecesures con 213. As Torres-Romaría Vikinga acabou cuarto con 199 puntos, quinto o Verducido-Pontillón con 184 e sexto o E.P. Ciudad de Pontevedra con 172.