Violeta Mosquera, batería de Bala: «Tíñamos moitas gañas de volver facer ruído, de regresar á estrada»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro

«Nunca pensei que ía ser pregoeira, pero tampouco diría que ía estar o meu jeto en Times Square», sinala quen mañá lerá o pregón e logo subirá, xunto a Anxela Baltar, ao escenario

07 ago 2021 . Actualizado a las 17:07 h.

Recoñece que cando lle propuxeron ser pregoeira das festas da Peregrina sentiu, «moita sorpresa e moita emoción. A verdade é que non o agardaba para nada. Inda por riba, sendo de Lugo como son, non pensei que fose posible que me chamaran a min para o pregón de Pontevedra». Mañá, despois da lectura do pregón, Violeta Mosquera collerá as baquetas e, xunto a outra compoñente de Bala, a coruñesa Ánxela Baltar, subirá ao escenario de Campolongo.

-Que é máis complexo: preparara o pregón ou sacar adiante unha canción?

-Paréceme bastante máis complicado o pregón. Ás cancións xa estou máis acostumada, pero pregón nunca din ningún e non sei se repetirei, a verdade.

-Déronlle algún consello ou recomendación?

-Non. Déronme carta branca con todo o que isto conleva, para ben e para mal. Non sei se tivera preferido que me dixeran que «de certos temas, igual non fales» porque, ao final, falo de todo, falo de moitísimas cousas. Si que pedín consello para, unha vez o teña feito, me digan si non é demasiado. Como non me considero unha figura pública, nin nada de nada, non vaia ser que dea cera de máis.

-Poderíase dicir que é o colofón duns meses moi especiais?

-Si, pero colofón non creo porque inda queda verán por diante e inda quedan cousas guapas. Estamos seguras de que van pasar moitas máis cousas, pero si foi unha boa sorpresa máis nestes meses. Despois de todo o parón, tíñamos o disco listo e tivemos que esperar ano e pico para sacalo cando xa estaba preparado. Unha vez o presentamos, foi unha cousa detrás de outra e, ademais, quedounos un verán moi chulo cando pensábamos ao principio que non ía haber gran cousa. Estamos tendo moitísima sorte e tocando en moitos sitios. Estamos contentísimas.

-A chamada para ser pregoeira ou ver a Bala en Times Square de Nova Iorque, que foi máis sorprendente ?

-(Silencio) Boa pregunta. Si me preguntas en xaneiro que vai pasar este ano e dásme varias opcións, ningunha das dúas a sinalaría. As dúas cousas son incribles. Insisto, pensei que os pregóns os daban a xente de casa e nunca pensei que ía ser pregoeira, pero tampouco diría que ía estar o meu jeto en Times Square.

-Fala do novo disco, «Maleza», como está a ser a resposta do público?

-Marabillosa. Estamos moi contentas. Estamos tocando bastante, quedounos o verán supercompletiño e estamos tendo concertos case que todas as fins de semana a pesar do momento chungo no que estamos. Cando sacas un disco, obviamente, o mellor que che pode pasar é poder levalo a moitos sitios. Tocalo e ter contacto coa xente... Antes da pandemia xa levábamos un ano paradas preparando o disco, polo que levábamos moito tempo con gañas de volver a conectar co noso público. Tiñamos moitas gañas de volver facer ruído, de regresar á estrada. Penso que nós tíñamos gañas, pero a xente, tamén. Estamos a disfrutar nós e a xente, que nos din: «As gañas que tiñamos dun pouco de ruído». Vale que non son as mellores condicións porque son concertos sentados, pero, sempre digo, mellor iso que nada. Prefiro mil veces iso que volver pasar polo ano que pasamos.

-E que pasou pola súa cabeza cando volveron pisar un escenario?

-Que non sei como puiden aguantar tanto tempo. Era unha cousa que... Había moita necesidade e a verdade é que foi unha pasada. Penso que estiven sorrindo todo o concerto. Estivemos as dúas contentísimas. Non o podíamos crer.

-Imaxino que co tema do novo disco e do feito de ser pregoeira son moitas as entrevistas, pero cal é a pregunta que máis se repite estes días?

-A verdade é que non estou a facer moitas entrevistas, pero, quizais, o que máis se repite é «como levas o de ser pregoeira?». A xente grítame pola rúa «pregoeira» e estamos todos flipando un pouco. Cando un pensa que só convidan a autoridades, chámanme a min, deus meu querido! Si saben como me poño para que me levan!