Foi unha prórroga ilegal

Antón Masa PRESIDENTE DA APDR

PONTEVEDRA CIUDAD

La marcha anual de la APDR para reclamar la salida de Ence de la ría de Pontevedra en julio del año pasado
La marcha anual de la APDR para reclamar la salida de Ence de la ría de Pontevedra en julio del año pasado MONICA IRAGO

A opinión da APDR diante da sentencia da Audiencia Nacional sobre Ence

19 jul 2021 . Actualizado a las 01:27 h.

Á espera do fallo da Audiencia Nacional sobre o recurso presentado pola nosa Asociación contra a prórroga concedida a Ence no ano 2016, desde a asociación pola Defensa da Ría (APDR) queremos expresar a nosa inmensa ledicia polo fallo do amentado Tribunal no recurso presentado no seu día polo Concello de Pontevedra. Ledicia porque o Tribunal vén de darnos a razón a quen, desde o primeiro momento, falamos da ilegalidade da prórroga concedida polo goberno en funcións de Mariano Rajoy. Vén de dar a razón á inmensa maior parte da poboación da comarca que soportou insultos e ameazas por parte dunha empresa que pretende comprar bandullos agradecidos mediante esmolas!

Tal e como viñemos defendendo, a única decisión respectuosa coa legalidade vixente era a de declarar a nulidade da prórroga, decisión finalmente adoptada pola Audiencia Nacional.

Certo é que Ence pode recorrer ao Tribunal Supremo e mesmo a outras instancias superiores, pero -ao noso entender- con escasas posibilidades de éxito! Dificilmente poderán atopar un argumento co que xustificar a necesidade de permanecer en dominio público e rebater diante do Supremo os presentados en contra desta posición na sentenza agora ditada. Trátase do inicio dofin da presenza de Ence na Ría de Pontevedra e dunha vitoria colectiva da sociedade pontevedresa e da comarca, o inicio do fin dunha loita longa e constante liderada pola Asociación Pola Defensa da Ría, que non rematará até conseguir a recuperación da Ría, o seu saneamento integral, para que a explotación racional dos recursos naturais e turísticos sexa a fonte de traballo e lecer que foi tempo atrás e que nunca debeu terse perdido coma modelo de desenvolvemento sustentábel da nosa comarca.

Trátase dunha derrota sen paliativos de Ence e de quen, como o PP, a Xunta de Galicia e o seu presidente Núñez Feijóo, levan anos defendéndoa en contra da Lei, do sentido común e do interese xeral. Resulta penoso e mesmo vergoñento, ver como unha vez coñecida a sentenza (rotunda e clara onde as haxa!), a Xunta de Galicia -en declaracións do seu Vicepresidente segundo, Francisco Conde- teña saído ao paso reafirmándose na súa aposta por manter Ence no seu actual emprazamento en contra da Lei! Lonxe de recoñecer os seus erros pola defensa a ultranza dos intereses particulares dunha empresa, insisten en cualificar a decisión xudicial -á que se atreven a considerar unha decisión política!- como un golpe irreversíbel para Galiza. Trátase, en todo caso, dun golpe irreversíbel para unha empresa ilegal, un golpe que os seus directivos -coa conivencia submisa do Goberno galego- se encargaron de preparar e que se podería ter evitado de non se ter actuado en contra da lei durante tantos anos!

Neste momento, e á espera de que a sentenza sexa firme para analizar a nosa estratexia xudicial futura, desde a APDR queremos facer unha serie de preguntas en voz alta que xorden logo de analizar a sentenza. Non haberá que depurar responsabilidades naquelas persoas que teñen tomado a decisión de conceder unha prórroga de forma ilegal a Ence? Non hai responsabilidade ningunha nos dirixentes políticos que, en contra da Lei e con numerosas evidencias enriba da mesa, apoiaron a permanencia de Ence en terreos de dominio público? Non vai haber ninguén que, por respecto á Lei, pida desculpas a quen mantivemos acesa a loita pola defensa da razón e a Lei e tivemos que aguantar descualificacións, insultos e mesmo ameazas?

Xa por último, queremos dar os parabéns ao Concello de Pontevedra e a todas aquelas persoas e organizacións que, ano tras ano, veñen dando apoio a esta loita, unha loita que transcende o ámbito do puramente ambiental e local para converterse nunha das principais loitas políticas da nosa comarca pero tamén do noso país!

E animar a todos os colectivos que loitan contra a inxustiza e a depredación ambiental e social do noso país... Animalos para que saiban que cando unha loita é xusta, cando se ten a razón e se fai prevalecer o rigor e a perseveranza e se conta co respaldo da sociedade organizada, remata por dar os froitos desexados. Haberá tempo para celebralo!