Sartre no tren Vigo-Pontevedra

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

PONTEVEDRA CIUDAD

16 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días, nun acto, dixen que ía lendo no tren a Sartre. Quedaron moi sorprendidos. En realidade, a sorpresa non debería ser porque un señor de mediana idade lea a Sartre no tren, senón simplemente que un señor lea, porque no tren Vigo-Pontevedra, que ía cheo, eu era o único que lía. O resto da xente, toda sen excepción, ía tecleando nos seus móbiles. Busquei no meu WhatsApp o contacto de Jean-Paul para ter con que wasapear e así non sentirme raro. Pero resulta que non o teño.

Dicía que ía lendo a Sartre. Concretamente isto: «O escritor debe colocarse do lado da maioría, dos dous mil millóns de famentos, porque se non o fai ponse ao servizo da clase privilexiada e convértese nun explotador coma ela». A frase fíxome pensar, á altura de Arcade máis ou menos. Primeiro, en que tiña que comprobar o dato. Así que saquei o móbil. Notei o arreguizo de felicidade do resto dos habitantes do vagón do tren: «Que alivio, pechou o libro. Xa está co móbil. Xa é un tipo normal». Abrín Google, onde está todo, e entrei na web de Nacións Unidas. Nada de ir a fontes de ONG, que sempre hai (os equidistantes) que din que son sospeitosas. E resulta que o dato é, segundo a ONU, idéntico ao de mediados dos anos 60 do século pasado, cando Sartre dixo iso, e hai, si, en números redondiños, cartesianamente perfectos, 2.000 millóns de persoas ameazadas pola fame. Alguén podería dicir: pois estamos mellor. Cando Jean Paul escribiu iso alí na confortabilidade do Café de Flore, había 2.000 millóns de famentos pero eramos moitos menos no planeta, así que viva o capitalismo. Eu diríalles: pois aínda que houbese unha soa persoa nesa situación teriamos que alzar a voz e dicir algo.

Dende hai un tempo debátese a necesidade de sermos neutrais. Os intelectuais de todo tipo, escritores/as, actores e actrices, pintores/as, a xente da cultura, en definitiva, ten que centrarse na súa arte. Pois eu coido que non. A min paréceme, como Sartre inspiradamente comentou, que se non pos a palabra ao servizo de quen non a ten, se non escribes contra o poderoso, se non te posicionas claramente a favor da muller, da persoa discapacitada, de quen pasa pola vida en agonía, daquela ti es un explotador máis, un violento máis, un descarnado máis. E hai que dicilo: hai demasiada xente da cultura calada. E hai mil asuntos sociais que deberían collernos pola vergonza e dicirnos, ponte a escribir, fala por min, non esteas calado porque se o fas es cómplice.