Dende onte e ate mañán, a Praza da Ferrería, en Pontevedra, acolle a 22 edición do Memorial Ricardo Portela, que organizan a Concellaría de Festas en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos. Nesta ocasión, a cita homenaxea ao gaiteiro, palleteiro e artesán Xaquín Míguez Rodríguez, O Xocas. Como novidade nesta edición, a Asociación de Gaiteiros Galegos presenta a reedición da biografía de Ricardo Portela (20.30 horas), que fora editada en 1988 en vida do gaiteiro de Viascón e que conta agora con catro capítulos novos.
No marco deste Memorial, a Mostra de Artesanía de Instrumentos Tradicionais volverá instalarase no paseo Antonio Odriozola e contará con doce postos, mentres que no programa de hoxe están previstos os pasarrúas (11.30 e 18 horas) de Boucisca (Lugo), Gaiteiro de Poio (Compostela), Os Lerenses (Pontevedra) e Picuiña (Marín). E para pechar esta xornada, o concerto do grupo Alvariza (21 h.), que presentan o seu traballo Denominación de Orixe.