Tres días para festexar os libros

PONTEVEDRA CIUDAD

ANA COUCEIRO

30 jun 2021 . Actualizado a las 20:59 h.

Presentacións de novidades, actuacións musicais, faladoiros, recitais... e, claro está, libros. O primeiro fin de semana de xullo, a Festa dos Libros, iniciativa xurdida no 2017, retorna á praza da Ferraría de Pontevedra despois do paréntese do pasado ano por mor da pandemia do coronavirus.

Deste xeito, entre o 2 e o 4 de xullo, hai programadas unha serie de actividades en torno aos libros, ao tempo que por redes sociais estanse xa a confirmar a presenza de algúns autores. É o caso de Alejandro Palomas, quen «compaxina o xornalismo coa narrativa, a poesía e a tradución» e acudirá á xornada de clausura pola mañá para presentar o seu último poemario, Una flor, publicado na colección Letra Bastarda pola editorial Letralversal poesía, mentres que pola tarde dese domingo os afeccionados á novela negra teñen unha cita con Arantza Portabales, quen achegarase á Festa dos Libros coa súa última obra, A vida secreta de Úrsula Bas.

O día anterior, o sábado, xa está confirmada a presenza de Xabier Quiroga e a súa última novela, última novela, O baile dos estorniños (Xerais), coa que pecha a triloxía da Ribeira Sacra, conformada por as previas O Cabo do Mundo e Izan o da saca. Este mesmo 3 de xullo, o xornalista de La Voz de Galicia, Xesús Fraga, chega a Pontevedra con Virtudes (e misterios).

Outra xornalista, Sara Vila, estará, no seu caso, na xornada inaugural con Oito días sen Eva Cortes, premio Illa Nova de Narrativa 2021, día no que Lara Dopazo presentará O axolote e outros contos de bestas e auga e Bea Gregores participará nun faladoiro sobre ilustración. Outro dos nomes propios desta primeira xornada será o de Najat Najat El Hachmi.

Editorial Kalandraka

A editorial pontevedresa Kalandraka aproveitará a Festa dos Libros para facer a presentación dun dos seus máis recentes proxectos: unha colección centrada nas crías de distintas especies animais. Os biólogos docentes, Isabel Pelayo e Xulio Gutiérrez, e os mestres Pilar Martínez e Chema Heras, unen esforzos nesta serie de libros para primeiros lectores.