Os Xogos na Rúa toman o espazo público de Pontevedra

PONTEVEDRA CIUDAD

CONCELLO DE PONTEVEDRA

Os barrios da cidade convértense en escenario dunha serie de xogos interxeracionais

19 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Co gallo das conmemoracións que o Concello de Pontevedra está realizando neste mes no que se conmemora o Medio Ambiente, esta fin de semana desenvólvense na cidade os Xogos na Rúa, unha nova iniciativa da Estratexia Efecto PO2 coa se que convida á veciñanza a ocupar o espazo público dunha maneira lúdica e participativa.

Ao longo de dúas xornadas, distintos barrio e puntos da cidade acolleran unha serie de actividades enfocadas especialmente a un público familiar, pero tamén enfocadas a fomentar a participación interxeneracional. O peletre, tres en raia, a corda, o pano, a colleita de mazarocas... son algúns dos xogos que se desenvolverán entre hoxe e mañá.

Deste xeito, entre as 11 e as 13 horas deste sábado, as actividades trasladaranse a cinco barrios de Pontevedra: a ponte do Burgo, a Pasarela 12 de Novembro (Pontevedra Leste), o paseo entre a praza de Galicia e rúa Alcalde Hevia (Campolongo), Gorgullón e rúa Alemaña (Monte Porreiro). Dende o Concello precisaron que se establecerán quendas de participación ao longo da xornada atendendo aos protocolos para facer fronte á pandemia do covid-19. Os equipos deberán estar formados como mínimo por un menor de 12 anos e un adulto.

Pola súa banda, mañá, co mesmo horario, a praza de España albergará unha gran final na que participarán os equipos gañadores do sábado.

Inscrición de balde

Co obxectivo de impulsar a participación, a inscrición nos Xogos na Rúa é de balde, pero obrigatoria a través do correo apuntate.pontevedra.gal. As normas de cada xogo, así como outra información relativa as medidas fronte ao coronavirus e premios para os equipos gañadores, poderán consultarse na web do Concello.

«Non se me ocorre mellor cidade que a de Pontevedra para celebrar o mes do Medio Ambiente», remarcou Anabel Gulías na presentación desta iniciativa. A concelleira de Promoción da Cidade engadiu que «tanto a través da recuperación do espazo público, como doutras políticas que leva a cabo o Concello estamos poñendo o noso gran de area para loitar contra o cambio climático».

Neste eido, fixo fincapé en que «desde as primeiras reformas urbanas que se fixeron, unha das cousas máis buscadas era que a xente se apropiase do espazo público, que en Pontevedra se concibe como un dereito». De igual xeito, Gulías sinalou que «non podemos esquecer os acontecementos do último ano coa aparición da pandemia que fixo que nos tivésemos que relacionar doutro xeito».