A Xeración Sónica sóbese ao escenario das Palmeiras

PONTEVEDRA CIUDAD

CAPOTILLO

Ao igual que os concertos de onte, os desta tarde enmárcanse en «O son da rúa»

12 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A música en directo segue a soar con forza na cidade de Pontevedra. Tras meses nos que a pandemia do coronavirus facía inviables este tipo de eventos, a melloría da situación sanitaria está a facer posible que, pouco a pouco, se organicen espectáculos musicais como o que dende onte se desenvolve na capital provincial.

No marco da programación estival «O son da rúa», este venres comezou unha serie de concertos «nos que a música e o talento emerxente serán os protagonistas», destacaron dende o Concello. Deste xeito, En clave local contempla actuacións dun total de catorce bandas, das cales cinco forman parte da terceira edición do proxecto municipal Xeración Sónica. Trátase de Simpsonhead, Rancheras, Froalla, Haku e Faul.

Todas elas actuarán, a partir das 19 horas, no parque das Palmeiras «co obxeco de sacar á rúa e ofrecer ao público o traballo realizado ao longo do curso».

En clave local arrincou este venres cun cartel composto por Fuzz Faces, Skirl e Rodrigo Valiente e terá continuidade o vindeiro fin de semana. Así, o 18 de xuño están programadas as actuacións de Malecho, Lirerad al Kraken e Denova, mentres que o 19 tocaralle o turno a Las Gringas, Flip Corale e Dr. Excepto.

Palco da música

Entremedias, o próximo xoves (20 horas) e no palco da música da Alameda, terá lugar a segunda das actuación de A banda en pequeno formato, programa dedicado a concertos a cargo de distintas seccións da Banda de Música de Pontevedra.

Dende o Concello engadiron que «convén lembrar que todas as actividades de ‘O son da rúa' se programan en espazos aforados, nos que son de obrigado cumprimento as normas de seguridade vixentes». En todo caso, todas as actividades son de balde e non é precisa reserva previa.