Os Ingleses asina o seu primeiro triunfo e remata segundo da fase

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Martina Miser

Venceu 5-19 o Pontevedra R.C. con só 16 rugbieres e un deles retirado aos 8 minutos por lesión

16 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Facíanos falla». Cun ton de alivio falaba onte nada máis rematar o partido o adestrador dos Ingleses do triunfo a domicilio do seu equipo sobre o Pontevedra R.C., 5-19. A primeira vitoria desta atípica tempada marcada pola pandemia, xusto na cuarta e derradeira xornada da primeira fase da Primeira Autonómica. Suficiente para situar o cadro vilagarcián segundo por diante do pontevedrés, co Universidade de Vigo campión intratable. Deste xeito, Os Ingleses RC pelexará no treito final da campaña cos dous segundos clasificados dos outros tantos subgrupos nos que se dividiu a categoría a fin de reducir os riscos de contaxios entre os equipos.

Infortunio tras infortunio

Os Ingleses foi quen de repoñerse a toda unha sucesión de infortunios. As tres lesións no derradeiro adestramento, o venres, que o deixaban con só 16 homes dispoñibles para o partido. Á retirada no minuto 8 de Diego, mancado nun xeonllo, cos seus quince compañeiros restantes sen recambios o resto do encontro. E a un golpe de Brea nun ombreiro que forzou aos Ingleses a xogar en inferioridade numérica uns 8 minutos. Dous ensaios, de Biris e de Prado, enfiaron a vitoria antes do descanso, sustentada na superioridade do xogo pechado de dianteira vilagarciá.