«Pontevedra é todo un universo literario»

carolina sertal PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes
O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes EDUARDO PEREZ

Con 19 anos, Víctor Freixanes enviaba artigos aos xornais que lle devolvían; logo chegaron a pagarlle 150 pesetas por eles

16 may 2021 . Actualizado a las 17:17 h.

Coa intención de recuperar aquelas novelas un día comezadas, xubilouse do mundo editorial en Galaxia e posteriormente do mundo da docencia como profesor titular de Comunicación na Universidade de Santiago de Compostela. Mais a cultura galega semella non querer renunciar a un dos seus piares na actualidade e hai escasas semanas foi reelixido presidente da Real Academia Galega.

Pasada a conmemoración do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán e a escasas horas da celebración do Día das Letras Galegas, Víctor Freixanes (Pontevedra, 1951) fai un pequeno oco na súa apertada axenda para tornar á súa infancia na Boa Vila e descolga o teléfono co mesmo ton amable e próximo co que impartía clases na facultade de Ciencias da Comunicación.

Malia o paso do tempo, explica que continúa mantendo un vínculo estreito coa súa Pontevedra natal, pois aínda conserva amizades da adolescencia e algúns dos seus irmáns seguen facendo vida a carón do Lérez. E así, recoñece que «Pontevedra é todo un universo do que eu me aproveitei, pois no meu libro O triángulo inscrito na circunferencia lembro aquel río que desembocaba nas correntes e no que nos bañabamos nós de pequenos».

A súa nai finou cando el apenas tiña cinco anos e, daquela, conta que era un rapaz que «semellaba esmorecido, sempre con febres». Levárono a uns médicos a Santiago, pero continuaba igual, así que un día a súa avoa, quen se ocupou de crialo naquel tempo, decidiu levalo a unha casiña da Rúa Nova de Abaixo na que disque unha bruxa curaba os males: «A pobriña da miña avoa, co que ela sabía, levoume alí non sen antes advertirme de que non lle podía falar daquilo ao meu avó. Ao chegar, aquela muller deitoume nun arcón, levantoume o estómago cunhas fregas de ruda e púxome unha faixa coa que andiven unha chea de tempo», comenta Freixanes.

Fanlle graza aquelas lembranzas e recorda como, cando el xa era maior, «a velliña» sempre lle dicía cando tiña oportunidade: «Ai, Tuquiño, ti estás aquí grazas a que fomos á bruxa».

Os seus familiares e as súas amizades referíanse a el como «Tuco», porque el era o fillo doutro Víctor a quen todos chamaban «O Vituco», incluso tiña unha prima chamada Victoria a que coñecían como «Tuca». «O Vituco», ou tamén Víctor Fernández Barcia, quería que o seu fillo Víctor estudara arquitectura, porque era encargado de obra e aquela era a figura máis importante que podía haber; posto que o seu «Tuquiño» debuxaba tan ben, aquel plan era perfecto.

Porén, daquela Freixanes rondaba os 15 ou 16 anos e xa namorara da literatura na Biblioteca de Pontevedra. «Nesa etapa é na que un vai tomando decisións, xorde a autodeterminación persoal, os primeiros amores e fracasos, a morte de seres queridos... e un percátase de que o mundo é máis complicado do que pensaba. Nos libros atopei que outros xa se facían as mesmas preguntas ca min. Aí empezou todo, naquel edificio que levantou Fonseca e fora unha casa de masonería».

Comezou escribindo versos e cancións e con 19 anos xa escribía os seus artigos e os enviaba aos xornais, «malia que mos devolvían todos», apunta Freixanes entre risas. Tempo despois dúas cabeceiras empezaron a publicarllos, «chegando a pagarme 150 pesetas por eles, o cal para min era algo verdadeiramente asombroso», sinala o escritor e editor.

Así foi como iniciou a súa andaina profesional como xornalista e no momento no que Luis Mariño abandonou a dirección de Edicións Xerais, foi proposto o seu nome. Logo dunha conversa persoal con el, decidiu asumir a responsabilidade de poñerse á fronte da editorial a finais dos 80. «Estaba como catedrático nun instituto, pero pedín unha excedencia e díxenme: Vouno intentar!», sinala Freixanes.

Malia que confesa que o mundo editorial absorbe moito tempo e apenas deixa un pouco para escribir, «cando morreu Carlos Casares, os de Galaxia pedíronme que me incorporara á dirección xeral e non puiden dicir que non; saín dunha para meterme noutra», comenta o escritor pontevedrés.

O pasado 24 de abril foi reelixido como presidente da Real Academia Galega e asume esta nova etapa á fronte da institución co obxectivo de «continuar os traballos que viñamos desenvolvendo ata o de agora e seguir explorando a realidade da lingua, promover iniciativas, advertir problemas e traballar para avanzar na solución dos mesmos».

Neste senso, Víctor Freixanes encara o seu segundo mandato coa mirada posta nas novas tecnoloxías, como creadoras de linguaxe e polo seu gran impacto nas futuras xeracións, de maneira que se poida desenvolver un idioma no que a xente nova poida recoñecerse e dotalo de coherencia lingüística na práctica.

Con tantas frontes abertas, semella que ese intre desexado para poder continuar coas súas novelas aínda demorará un chisco máis.