Na procura de espazos de socialización en lingua galega no campus de Pontevedra

CAROLINA SERTAL PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Alumnos en el campus de Pontevedra
Alumnos en el campus de Pontevedra XANDRE LEMA

Máis dun centenar de alumnos sumáronse ao programa Falamos no seu primeiro ano

07 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi no ano 2018 cando dende a Área de Normalización Lingüística da UVigo se detectou unha presenza escasa do emprego do galego entre a comunidade universitaria de Pontevedra. A raíz de constatar esta eiva lingüística no campus, e en colaboración do Concello, apostouse por poñer en marcha unha iniciativa coa que crear espazos de socialización entre alumnos galegofalantes e aqueles que quixeran achegarse á lingua galega.

Foi así que naceu Falamos, un programa de dinamización lingüística que procura «normalizar» o emprego do idioma propio e atraer á mocidade a través de actividades novidosas, vencelladas sobre todo á eido cultural.

Fernando Ramallo é o director da Área de Normalización Lingüística da UVigo e sociolingüista galego experto en neofalantes, e tras un ano da posta en marcha desta iniciativa explica que «pese a que a pandemia impediu que levaramos a cabo todas as actividades que nos gustaría, estamos satisfeitos co seu resultado e podemos dicir que xa está consolidado».

Neste senso, Ramallo comenta que «o uso do galego entre a poboación de 16 e 25 anos é escaso. Somos conscientes de que esta realidade non imos mudala cun programa destas características, pero si podemos contribuír a paliar esta eiva e atraer á mocidade á súa práctica nas súas relacións sociais».

No seu primeiro ano de vida, máis dun centenar de alumnos pontevedreses apuntáronse ás actividades programadas no marco de Falamos, entre as que destacan o club de lectura, os visionados de filmes e o voluntariado lingüístico, no que durante tres semanas os alumnos xúntanse por parellas para conversar en galego sobre temas de actualidade.

«Facerse galegofalante activo, sobre todo nas relacións sociais, é complicado para moitos e nós queremos transformar un pouco esta realidade. Porque o certo é que estamos ante unha xeración con moi boas competencias en galego e que rematan a escolarización cun bo dominio do idioma», apuntou Ramallo.

Pola súa banda, o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberte Oubiña, destacou que «tendo en conta este contexto de pandemia, a verdade é que estamos satisfeitos cos resultados, pois era a primeira vez que se poñía en marcha unha iniciativa así e a participación foi boa. Agardamos que no vindeiro curso poidamos levar a cabo moitas máis actividades».